Pontevedra vístese de gala para recibir aos Reis Magos de Oriente
Por Redacción
Preparen aos seus fillos, sobriños ou netos. Os Reis Magos de Oriente están a piques de chegar a Pontevedra. Volverán a sentir o calor e a ilusión de centos de nenos pontevedreses este sábado, 5 de xaneiro, a partir das 18.00 horas coa tradicional Cabalgata que discurrirá polas principais rúas da cidade.
A chegada dos Reis Magos á cidade está prevista para as 10.45 horas. Entrarán na cidade a lombos de cabalos, acompañados do seu séquito e cos camelos que portarán parte dos agasallos que deixarán nos fogares dos nenos pontevedreses esa noite.
As súas maxestades dirixiranse cara ao Pazo de Mugartegui onde se celebrará a tradicional recepción oficial. Partirán dende os arredores do Concello pola rúa Michelena, Peregrina, Paseo Antonio Odriozola, Pasantería, Sarmiento, César Boente, Pedreira ata o Pazo de Mugartegui para iniciar a recepción ás 11.00 horas, e rematar sobre as 14.00 horas. Neste encontro os nenos terán a oportunidade de coñecer aos Reis Magos e trasladarlles todas as súas peticións para esta noite.
Tamén no Pazo de Mugartegui, o alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores dará a benvida á nosa cidade ás súas maxestades, e pedirálles que sexan xenerosos cos cativos pontevedreses que este ano foron moi bos. Todos aqueles nenos que teñan que esperar o seu turno para ser recibidos por Melchor, Gaspar e Baltasar na praza da Pedreira, poderán gozar de actividades de lecer e animación que a Concellaría de Festas ten programadas para esa mañá na praza.
Logo dun reparador descanso, as súas maxestades subiránse a carrozas reais para participar na tradicional Cabalgata de Reis que comezará ás 18.00 horas partindo dende 12 de novembro, Loureiro Crespo, Benito Corbal, Peregrina, Michelena, praza de España e Alameda. Neste percorrido, Melchor, Gaspar e Baltasar agasallarán a nenos e maiores con 1.000 kilos de doces, aptos para celíacos.
A comitiva que acompañará aos Reis Magos de Oriente é a seguinte:
- Banda de Música de Salcedo
- Grupo de Cabalería
- Carroza Capitán Garfo
- Malabraistas, percusionistas e bailaríns árabes.
- "Os de algures"
- Árbore de Nadal
- Carroza Oso Panda
- O Yeti
- Charanga Charandonga
- Xigantes
- Duendes de Nadal
- Carroza a Música
- Airiños da Fracha
- Grupo de pastores
- Camelos
- Xoguetes
- Carroza do Rei Melchor "Touro persa"
- Dragóns
- Charanga Apeles
- Globadores Imposibles
- Carroza do Rei Gaspar "Isis Exicia"
- Monecos de neve
- Cabezudos + Zancudos Saltaríns
- Erase unha vez
- Carroza do Rei Baltasar "Esfinxe Leonada"
- Os Quintilláns
A Concellaría de Festas volveu a consensuar coas asociacións de comerciantes da cidade a hora de partida da Cabalgata que, por segundo ano consecutivo, adiantou a súa hora de saída ás 18.00 horas. Trátase dun horario que favorece tanto aos nenos que poden recollerse antes aos seus fogares para agardar (durmindo) a chegada dos Reis Magos, así como para as súas maxestades que poderán facer compras de última hora no comercio local, xa que nesta xornada pechará arredor das 20.30 horas.