Alarma en Lérez por un incendio nun galpón cheo de leña
Por Redacción & Diego Torrado
Pouco despois das 19.10 horas deste domingo saltaba a alarma na parroquia de Lérez. Empezara a arder nun galpón no lugar de Castelo, unha zona perigosa pola abundante vexetación que rodeaba á construción e porque, ademais, o lugar estaba cheo de leña almacenada. O foco de combustión era moi elevado, de modo que as tarefas de extinción se viron complicadas e se prolongaron durante varias horas.
Ata o lugar desprazáronse varias patrullas do Corpo de Bombeiros de Pontevedra para afrontar a extinción do lume e da Policía Local para garantir a seguridade tanto dos traballos para apagar as chamas coma da zona en xeral.
O lume, cuxa orixe aínda non foi determinada, comezou cando os propietarios non estaban no lugar e causou grande alarma entre os veciños da zona. Ademais, a masa de árbores que rodea o galpón en cuestión fixo pensar os cidadáns que se trataba dun incendio forestal, de modo que se sucederon as chamadas de alerta aos servizos de emerxencias para advertir do que estaba a suceder.
Ás 21.30 horas deste domingo continuaban as tarefas de control do lume, segundo informaron os Bombeiros.
O lume foi extinguido arredor das 23.45 horas sen que se produciran incidentes persoais.