Un ferreiro e un fol para reivindicar o traballo da Escola de Canteiros
Por Redacción
O Casal de Fereirós de Poio reivindica dende este sábado 20 de xuño o traballo dos alumnos da Escola de Canteiros de Poio a través dunha exposición con 37 esculturas realizadas durante o curso 2014-2015 que se poderán visitar ata o vindeiro domingo 28 de xuño.
Un ferreiro co seu fol preside a exposición ás portas do edificio, que converte as súas salas nun taller temporal dos máis de 50 alumnos da Escola de Canteiros.
A exposición está integrada por 23 esculturas en escaiola, case todas policromadas para evitar que o seu peso e dimensións afectase ao interior do histórico inmoble, e outras 14 pezas de granito que levarán o traballo artesanal do cincel ás zonas de mellor acceso do Casal como as escaleiras e o exterior do inmoble.
Na actualidade, a Escola de Canteiros da Deputación ten aberto o prazo de preinscripción nas titulacións ofertadas para o vindeiro curso 2015-2016. No centro de Poio poden cursarse as titulacións oficiais de Canteiro e Mestre Canteiro, pero tamén se ofrece a posibilidade de obter unha formación específica en pedra (Cantería; Modelado; Escultura; Debuxo técnico; Debuxo artístico; Historia da Arte; Construción).
As persoas interesadas en cursar estudos na Escola de Canteiros dispoñen de prazo ata o vindeiro 31 de xullo para presentar as súas solicitudes. A preinscripción pode realizarse no Rexistro da Deputación ou mediante a rede na propia páxina web da Esoela. Este prazo de preinscripción ampliarase durante o mes de agosto (do 1 ao 31) pero só para a modalidade on-line a través da páxina web da Escola.