María Ramallo contará con dous concelleiros liberados no novo goberno municipal
Por Redacción
A organización do traballo municipal en Marín será moi similar ao do mandato anterior. Os voceiros dos catro grupos que estarán presentes na corporación reuníronse este venres para pechar os detalles do Pleno que se celebrará o próximo martes, a partir das 13.00 horas, e onde se aprobarán todas estas cuestións administrativas.
A proposta do PP recollía que seguisen sendo tres as dedicacións exclusivas no goberno, que correspondería á propia alcaldesa, María Ramallo, e a dous edís, Manuel Santos, responsable de Urbanismo, Facenda e Persoal e Marián Sanmartín, concelleira de Medio Ambiente e Benestar Social. Todos eles manterán as mesmas retribucións económicas que no anterior mandato.
Ademais, acordouse a contratación dunha persoa para a Alcaldía como secretaria particular, que terá o soldo dun administrativo xeral e seguirá sendo o único cargo de libre designación como persoal eventual.
As axudas que perciben os membros da corporación que asisten aos distintos órganos -plenos, comisións Informativas e xuntas de goberno- mantéñense igual que nos últimos oito anos.
Haberá en total sete comisións informativas, que estarán presididas polo concelleiro delegado de cada área e nas que participarán tres edís do PP e un de PSOE, BNG e Marea. Iso, a pesar de que os socialistas pretendían ampliar a oito ou nove membros para poder contar con dous concelleiros en cada comisión e Marea formulaba reducilo a seis, algo que segundo o PP non lles permitiría ter a maioría que reflectiron as urnas.
Por último, os plenos da corporación pasarán a celebrarse os mércores ás oito da tarde, despois de que os populares -coa oposición de PSOE e BNG- optasen porque deixase de facerse os venres.
Relacionadas:
-
O Concello de Marín constitúe as comisións informativas xenéricas
Por Redacción |
-
María Ramallo asume o bastón de mando de Marín prometendo "traballo, moito traballo"
Por Redacción |
-
María Ramallo anuncia a composición do goberno para o seu segundo mandato en Marín
Por Redacción |
-
María Ramallo: "La mayoría absoluta es un éxito que está al alcance de pocos"
Por Redacción |