Sanidade non renuncia ao hospital de Monte Carrasco e anuncia que "volveremos falar co Concello"
Por Diego Espiño
A Xunta de Galicia insistirá no seu proxecto de crear en Monte Carrasco un novo hospital único que centralice todos os servizos da área sanitaria de Pontevedra.
Así o asegurou a conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, nunha visita ao Hospital Provincial, sinalando que "volveremos falar co Concello, coa nova corporación, e seguiremos traballando para que Pontevedra teña un novo hospital".
Mosquera recoñece que "necesitamos a colaboración do Concello", polo que o departamento que dirixe seguirá "traballando nesa vía porque cremos que é a mellor solución para Pontevedra, unificar todo nun único centro".
Segundo recordou a conselleira, a Xunta de Galicia descartou a ampliación de Montecelo porque "era unha obra moi complicada tecnicamente" e "o resultado final en tema de melloras non ofrecía garantías".
Esa opción, a ampliación do actual hospital, é precisamente a que defende o Concello de Pontevedra e o seu alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, quen declarou hai pouco "o Hospital de Monte Carrasco é un bluf", denunciando a falta de investimentos autonómicos na cidade.
Rocío Mosquera acudiu á cidade a inaugurar unha xornada sobre experiencias en integración de laboratorios e aproveitou para visitar o laboratorio central do Complexo Hospitalario.