Tras o esforzo do curso chega a festa de fin de cole na Zona Monumental
Por Redacción
A gran festa infantil para celebrar o remate do curso escolar desenvolverase o venres 19 de xuño en horario de 16.30 a 20.30 horas en diferentes zonas emblemáticas do centro histórico. Trátase dunha nova edición dunha festa, organizada pola Centro Comercial Zona Monumental, que sempre se salda con grande éxito entre os máis pequenos.
Na praza de Curros Enríquez instalarase un rocódromo, ademais de propostas de xogos tradicionais. Méndez Núñez acolle unha ludoteca, un taller de actividades, o inchable "saloon de vaqueiros" e unha sesión de contacontos a partir das 18.30 horas.
Outros dous inchables instalaranse en Valentín García Escudero mentres que na rúa Sierra se desenvolverá un circuíto Scooter e probas de tiro con arco e xogos de puntaria.
Pero a grande atracción desta celebración chegará a partir das 19.00 horas coa festa da escuma na Praza da Pedreira (Mugartegui) coa participación dun DJ.