Chegan a Pontevedra as 'Fuck up nights', noites de terapia para celebrar o fracaso empresarial

Por Oskar Viéitez
Na cultura ianqui hai unha máxima que se repite entre os empresarios: apréndese máis das historias de fracaso que das de éxito. Con esta idea naceron as 'Fuck up nights', unha especie de terapia de grupo na que os participantes contan as súas historias de fracasos nos negocios.
A idea xurdiu no ano 2012, e agora chega a Pontevedra dentro do Primer Festival de emprego e innovación que organizan os participantes do Colabora 2015, un plan de emprego posto en marcha polo coworking Espacio Arroelo.
Este encontro será gratuíto e aberto a todos aqueles desempregados, empresas, asociacións ou institucións interesados en encontrar unha forma diferente de xerar oportunidades.
Coa colaboración de Espacio Arroelo e os coworkers, o Festival de Emprego e Innovación terá lugar o xoves 18 de xuño dende as 15:30 ata as 22:00. Ao longo da xornada, no Liceo Casino de Pontevedra, os asistentes poderán gozar de diferentes dinámicas, coñecer experiencias innovadoras e establecer contactos e sinerxías profesionais.
O humor, as experiencias vivenciales e os momentos para compartir son os eixes deste festival tan creativo. Contan cun programa amplo e variado. A partir das 15:30 recibirase os participantes. Entre as 16:00 e as 18:00 desenvolveranse catro dinámicas nas que os asistentes deben estar previamente inscritos a través de Ticketea para continuar cunha merenda compartida. Cada persoa achegará un zume, un bocata ou o que desexe.
Tras o refrixerio tres profesionais contarán as súas experiencias innovadoras en materia de emprego e educación: "Colabora 2015, xerando oportunidades de emprego", "Global Retail, implicación, compromiso, entusiasmo" e "O Pelouro, ser e facer, convivir e aprender". A continuación, sobre as 20:00 terán lugar as primeiras Fuck up Nights que se celebran en Galicia.