Seis alumnas de Belas Artes dan cor ao Hospital Provincial
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Salas de espera con flores e corredores coloreados con imaxes elaboradas por pacientes de psiquiatría son algunhas das iniciativas que levaron a cabo seis alumnas da facultade de Belas Artes de Pontevedra para humanizar diferentes espazos no Hospital Provincial.
Na mañá deste martes 16, o xerente dos Hospitais pontevedreses, José Manuel González e a decana de Belas Artes, Silvia García, acompañados polo coordinador do proxecto, Juan Carlos Meana, e varias das autoras presentaron estas intervencións artísticas que se realizan, por segundo ano consecutivo, a través dun acordo de colaboración entre ambas as dúas institucións que terá continuidade no futuro, segundo apuntou José Manuel González, e que podería estenderse aos centros de saúde, ao Hospital Montecelo e ao do Salnés.
Nas propostas deste ano pintáronse e decoraron espazos escollidos polas propias alumnas entre varias alternativas propostas polo centro hospitalario. Desta forma, o denominado polos pacientes como 'Corredor frío' énchese de cor a través do traballo elaborado por Natalia Martínez en colaboración cos pacientes do Hospital de Día Psiquiátrico coa idea da busca de utopías.
Pola súa banda, Miriam Rodríguez elaborou noutro corredor a obra Panal Cromático na que o tema elaborado se centrou na cor e nos efectos psicolóxicos que produce.
Alba Martínez desenvolveu un traballo na planta de Pediatría no que participaron varios nenos hospitalizados. Cristina Otero e María Teresa Ramallo realizaron unha obra conxunta na sala de espera de Oncoloxía utilizando elementos da natureza mentres que Rebeca Cabaleiro humanizou a zona de lactación e o corredor de Neonatología utilizando a imaxe do niño como elemento común.
O xerente sinalou que o proxecto tivo un orzamento moi austero e que o resultado permite cambiar a imaxe habitual e fría dos hospitais.