As defensas piden a nulidade do xuízo contra Marcos Vigo e á súa irmá por branqueo de capitais
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
Este martes arrancou na Sección Cuarta de la Audiencia de Pontevedra o xuízo contra Juan Marcos Vigo Fernández e a súa irmá Marta María, acusados dun delito de branqueo de capitais procedentes do narcotráfico polo que o fiscal solicita cinco anos de prisión para cada un e o pagamento dunha multa de preto de seis millóns de euros.
Os avogados da defensa pediron ao inicio do xuízo a nulidade de todo o procedemento, "xa que se vulneraron os dereitos fundamentais do meu patrocinado polo que aquí hai unha clara indefensión". Sobre esta cuestión pronunciaranse as maxistradas pontevedresas na sentenza.
En concreto os letrados alegaron a vulneración da tutela xudicial efectiva, do dereito de defensa, a imposibilidade de utilizar medios axeitados a súa defensa e dilacións indebidas. "Transcorreron demasiados anos sen que o demandante se poida defender", resumiu un dos avogados. E é que os feitos que denuncia o Ministerio Público sucederon entre outubro do ano 1997 e decembro do 2003.
A Fiscalía xustificou o atraso na "complexidade da investigación" admitindo que "a instrución é francamente mellorable" pero que en todo caso "non se causou indefensión", xa que todas as operacións económicas "se son legais, estarán nos rexistros públicos", declarou o representante do Ministerio Público.
Durante este tempo comprendido entre o 1997 e 2003, segundo os axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira, os acusados "dúas persoas moi novas, cuns soldos moi baixos (12.000 euros en varios anos) empezan a adquirir un gran patrimonio de forma moi rápida".
Segundo o fiscal especializado en delitos económicos, Augusto Santaló, os irmáns Vigo Fernández adquiriron numerosos coches, abriron varios negocios e adquiriron vivendas, con diñeiro que "procedía da ilícita actividade do narcotráfico".
O Ministerio Público asegura que a Marcos Vigo durante este período de tempo lle "constan uns ingresos externos procedentes do narcotráfico que ascenden a 9.419.573 pesetas", que no caso da súa irmá se elevan ata os 33.182.499 pesetas e o seu patrimonio inmobiliario "está valorado en 328.062.522 pesetas".
Marcos e Marta só responderon durante o xuízo ás preguntas dos seus avogados. Marcos Vigo asegurou que "eu sempre me dediquei á venda de coches" e que os seus ingresos proceden de varios negocios de hostalaría que montou xunto a uns socios, así como unha tenda de roupa en Vilagarcía, ou un taller en Ribadumia. Actividades que non sempre puido poñer ao seu nome mentres era xulgado por tráfico de drogas.
CUPÓNS PREMIADOS
Ademais ambos os dous irmáns gañaron 7 e case 8 millóns de pesetas en senllos sorteos do cupón da ONCE. Durante o xuízo tamén se recordou que Marcos Vigo estivo casado cunha das netas do patriarca do Clan dos Charlines.
Nesta primeira sesión do xuízo os avogados da defensa pediron ao tribunal que deduza o testemuño dun dos axentes do Servizo de Vixilancia Aduaneira por afirmar que o taller de Marcos Vigo era unha tapadeira que se dedicaba a preparar "caletas", habitáculos ou compartimentos ocultos nos vehículos para esconder droga.
O xuízo continuará o próximo xoves.