Oito meses de traballos sociais por trapichear con cannabis no Vao
Por Natalia Puga & Cristina Saiz
O veciño de Moraña José Cardama Monteagudo cumprirá oito meses de prisión que serán substituídos polo mesmo período de traballos en beneficio da comunidade (TBC) tras confesar que trapicheaba con cannabis e marihuana para conseguir fondos cos que financiar a súa adicción á cocaína e a heroína.
José Cardama sentou no banco dos acusados da Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra este martes acusado dun delito contra a saúde pública polo que a Fiscalía lle pedía inicialmente catro anos e nove meses de prisión. Tras confesar, e unha vez que no xuízo saíu á luz que non trapicheaba con cocaína e heroína, senón só con cannabis, a fiscal, Ana María Rivas Santaló, decidiu rebaixar considerablemente a petición de condena.
A fiscal tivo en conta que o procesado "padece una fuerte dependencia a la cocaína y la heroína de larga duración", de modo que ten en conta que no seu caso concorre a circunstancia analóxica de drogadicción que deberá supoñer unha redución da pena a cumprir.
Ademais, decidiu cambiar a súa acusación, na que inicialmente o acusaba de ter vendido cocaína no poboado do Vao no mes de marzo de 2013, e pasou a acusalo de trapichear con cannabis ou marihuana, non con cocaína nin heroína. O cannabis e a marihuana están consideradas substancias que non causan grave dano á saúde, de modo que este cambio na acusación tamén implica unha redución da condena.
O procesado recoñeceu ante o tribunal da Sección Segunda da Audiencia que se dedicaba a vender esas substancias para, cos fondos que sacaba das vendas, sufragar a compra das drogas que realmente consumía. Así, consumía cocaína e heroína, pero nunca as vendeu, senón que só vendía cannabis e marihuana.
O procesado, con antecedentes por tráfico de drogas que motivan que se lle aplique a circunstancia agravante de reincidencia, foi detido cando levaba enriba medio gramo de cocaína escondido nun calcetín, pero a fiscal considera que era para autoconsumo. No seu domicilio de Moraña, a Policía Nacional localizou, segundo indicou un axente este martes no que xuízo, unha báscula e un cazo de cociña con restos de cocaína, restos de po branco nunha mesa de noite, unha pequena bolsa con heroína e unha pequena cantidade de haxix.