Mosquera fía a un cambio de goberno en Madrid a "única esperanza" de frear a ENCE
Por Alejandro Espiño
Creada e actualizada
Creada e actualizada
O Concello de Pontevedra teno claro. A "única esperanza" de que ENCE non siga na Ría máis alá de 2018 pasa inevitablemente porque haxa un cambio de goberno en Madrid a partir de novembro, data na que se prevé que celebren as próximas eleccións xerais. Só así, apunta César Mosquera, poderíase modificar a Lei de Costas antes de que a nova concesión solicitada pola empresa "sexa firme".
E todo despois da última resolución do Ministerio de Medio Ambiente sobre o expediente de caducidade da concesión da pasteira que ordenou incoar o Tribunal Supremo tras unha denuncia da asociación Salvemos Pontevedra.
A Dirección Xeral de Costas, nunha resolución asinada pola xefa provincial Cristina Paz-Curbera, propón declarar a caducidade parcial da devandita concesión. É dicir, non afectaría aos terreos que ocupa a actividade fabril de ENCE, pero si á EDAR de Lourizán, ao emisario submarino e ás instalacións deportivas de Praceres -concretamente o campo de fútbol-.
Introduce ademais a salvidade de que, no caso da EDAR e o emisario, as instalacións serían "perfectamente legalizables" segundo Mosquera, tendo a Xunta que solicitar unha nova concesión nun prazo de tres meses. Costas considera que ambos os dous son proxectos de "interese xeral" ao dar servizo aos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, polo que a súa continuidade é "procedente".
Con respecto ao campo de fútbol, obrígase a ENCE -que foi quen cedeu eses terreos- a retiralo da súa actual situación, unha vez que se asegure que os seus usuarios teñan acceso a unhas instalacións axeitadas noutro sitio. Ademais, Costas ordena á empresa iniciar os trámites oportunos para legalizar o edificio dedicado a comedor dentro do complexo industrial e que, ao parecer, tería sido levantado sen a correspondente autorización.
Ante esta decisión, o Concello de Pontevedra presentará alegacións, xa que entende que con esta proposta de Costas "se se aproba tal como está, ENCE tería vía libre para pedir prórroga". Mosquera lamentou que "todos os razonamentos da empresa e do PP" quedan recollidos nesta resolución, que se produce, di, despois das presións por parte de ENCE e do Partido Popular fosen "absolutamente determinantes".
ENCE RESPONDE VÍA COMUNICADO
Ao respecto desta resolución de Costas, ENCE sinalou nun comunicado que ve "positivamente" que o expediente de caducidade da concesión da fábrica non afecte ás súas instalacións produtivas. Cren que quedan "plenamente amparadas" con esta resolución e que supón un "motivo de tranquilidade" para os seus empregados tanto directos como indirectos.
Logo da publicación deste informe, ENCE reitera que quere levar a cabo un "ambicioso" plan de investimentos e proxectos de mellora "co obxectivo de garantir en todo momento a excelencia ambiental das súas instalacións". Anuncia ademais o seu "total compromiso e disposición" para colaborar e axudar na solución de problemas que inciden na calidade ambiental da Ría e nas súas posibilidades de desenvolvemento económico e social.
A empresa insiste en que se logra a prórroga para seguir en Lourizán se investirán moito máis dos 70 millóns de euros xa anunciados para facer una fábrica "máis competitiva, ecolóxica e eficiente", así como poñer en marcha "nodos de creación de coñecemento en Pontevedra relacionados co sector forestal" e a establecer, ademais, un novo pacto social co seu ámbito para o que desexa, din, "poder establecer diálogo canto antes coas administracións públicas".
Relacionadas:
-
O Concello recorre a resolución ministerial "que consolida á situación de ENCE"
Por Diego Espiño |
-
Costas ratifica a concesión de ENCE e sinala que o único que incumpre é o campo de fútbol dos Praceres
Por Oskar Viéitez |
-
Os socialistas instan o Concello a iniciar os trámites para unha consulta popular sobre ENCE
Por Redacción |
-
A APDR teme que o Campionato de Triatlon e a calor resten asistencia á marcha contra Ence
Por Anxo Lourido |
-
Encontro dixital con Antonio Casal, director do centro de operacións de ENCE: "La única alternativa a la continuidad es el cierre"
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Barullo no Parlamento pola prórroga de ENCE
Por Oskar Viéitez |
-
Juan Luis Arregui: "Ence no va a defraudar a Pontevedra"
Por Oskar Viéitez |
-
Lores: "A Núñez Feijóo impórtalle un bledo o que pensan os pontevedreses sobre ENCE"
Por Alejandro Espiño |