O "luxo" de ter os GRS á porta de casa
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Contar cun Grupo de Resposta e Seguridade (GRS) da Garda Civil operativo na parroquia de Mourente supón "un luxo" que achega "un plus de seguridade e de tranquilidade" a Galicia e, en particular, a Pontevedra. Así defendérono este venres o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, e o vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante unha visita institucional á base desta unidade de elite en Castro Senín.
Decidiron realizar unha visita conxunta, segundo Santiago Villanueva, para "recoñecer a alta dispoñibilidade" e a súa achega á seguridade en tarefas como labores humanitarios, colaboración con Protección Civil, participación en catástrofes e emerxencias ou intervención en situacións de risco radiolóxico e radiactivo. En relación con este último punto, a súa última intervención realizouse no mes de febreiro no centro penitenciario da Lama ante a presenza de sobres cun po sospeitoso, pero este mesmo venres deuse a coñecer que se tratou dunha "falsa muestra".
Con 25 minutos de atraso sobre a hora prevista, agradecéronlles o seu traballo diario nun dos oito grupos GRS que hai operativos en España. Os 135 axentes e mandos do GRS destacados en Castro Senín colaboran frecuentemente coa Xunta de Galicia e outros Corpos e Forzas de Seguridade e "están sempre dispostos", predisposición que Alfonso Rueda quere poñer de relevancia porque "ás veces non nos damos conta da sorte que temos en Pontevedra de ter aquí concentrados tantos efectivos". El móstrase agradecido polos "beneficos que achegan".
O seu ámbito de actuación preferente é o Noroeste peninsular, pero o seu responsable en Pontevedra dende o ano 2008, o comandante José Antonio Fuentes Fernández, destaca que os GRS poden ser mobilizados en calquera punto do territorio nacional e que o seu ámbito de actuación é amplo. Agora que se achega o verán están a colaborar activamente no plan de actuación e prevención de incendios forestais, pero tamén participan en dispositivos especiais nos que se require unha alta cualificación ou especialización e en tarefas como a protección de personalidades.
A visita coincidiu co 25 aniversario da famosa operación Nécora contra o narcotráfico nas Rías Baixas, de modo que Santiago Villanueva aproveitou para reivindicar o operativo como "unha vitoria da sociedade, pero tamén das actuacións dos Corpos de Seguridade" e o traballo que se realizou nestes últimos 25 anos e que permitiu que "Galicia non é xa un punto de entrada de droga".