Un afectado polas preferentes pide esmola ante as portas de NovaGalicia Banco
Por Oskar Viéitez
Chámase Carlos Monzón, é outro afectado polas participacións preferentes de Novagalicia Banco.
Este mércores púxose a pedir esmola fronte á sede central de Novagalicia Banco en Pontevedra.
Este chofer de profesión leva catro anos en paro e asegura que necesita o diñeiro dos seus aforros para axudar a unha filla que está doente.
"Claro que me dá vergonza chegar a isto, pero non me deixan outra saída", afirma Carlos.
Con todo é consciente que cos seus 3.000 euros en preferentes "non son dos que peor están", pero o diñeiro faille moita falta xa que tan só ingresa a prestación do paro de 400 euros.
Carlos Monzón acudiu a todas as vías para que lle devolvan o seu diñeiro, pero denuncia que as arbitraxes están paradas "cando chegaron as eleccións galegas déronse moita présa en arranxar a situación daqueles que eran do Partido Popular, e agora ao resto nada", afirma enfadado.
Máis dun cento de afectados polas participacións preferentes pasaron esta Noitevella pechados en varios caixeros da entidade financeira, unha iniciativa convocada polas distintas plataformas de damnificados da provincia.