A selectividade 'invade' o campus de Pontevedra
Por Redacción & Cristina Saiz
Para máis de mil mozos pontevedreses este mércores non foi un día normal. Hoxe comezaba para todos eles as temidas probas de selectividade. Desde primeira hora da mañá, coches particulares ou autobuses colectivos chegados desde diferentes puntos da comarca invadían o campus universitario. A bordo deles, rapaces presa dos nervios e os seus pais mostrando unha mestura de orgullo e preocupación polo futuro dos seus fillos.
Tras unha primeira toma de contacto coas normas e recomendacións, ás dez da mañá romperon o xeo co exame de Lingua Española e Literatura. A elixir entre a opción A: texto publicado en La Vanguardia sobre o botellón dixital, a Xeración do 98 e o Romanticismo; e opción B: un artigo de El País sobre os aeroportos como refuxio de xente sen recursos, Buero Vallejo e o Teatro Independente.
Esa era a primeira barreira a romper, a do primeiro exame, que lles permite saber a que se enfrontan e deixar algúns nervios atrás. No descanso posterior tocaba comentar as sensacións, recapacitar sobre as respostas e apurar os últimos minutos para repasar os apuntamentos da seguinte materia: Historia de España ou Historia da Filosofía.
E é que na primeira destas tres xornadas de exames, as probas corresponderon ás materias comúns, para pasar durante os dous próximos días ás correspondentes a cada unha das modalidades de Bacharelato.
En total, en Pontevedra examínanse 1.060 estudantes, repartidos entre a facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e a Escola de Enxeñaría Forestal.
Con nervios ou sen eles, todos destacaban as ganas de rematar canto antes esta etapa e poder ter unhas merecidas vacacións.
As cualificacións faranse públicas o día 19 de xuño ás 20.00 na internet. A partir dese momento abrirase o período de solicitude dunha segunda corrección e reclamación e a posterior matrícula na carreira universitaria elixida. Para os que teñan que realizar o selectivo en setembro, as datas serán 16, 17 e 18 dese mes.
SELECTIVIDADE NA ONCE
Pola súa banda, o Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra acolleu o tribunal especial que organiza as probas de selectividade ás que se someten os estudantes con discapacidade. Nesta convocatoria participaron un total de 23 estudantes con distintas discapacidades, sete deles con cegueira e/ou discapacidade visual grave.