Un Pleno de despedidas
Once dos vinte e cinco concelleiros da actual corporación non seguirán no próximo mandato que, oficialmente, comezará este sábado. Por iso, o último Pleno -carente de contido formal máis alá da aprobación de actas- foi unha sesión emotiva na que se despediron os edís que abandonan a vida política municipal.
O Teatro Principal acolleu esta breve sesión plenaria na que sorprendeu a ausencia do voceiro municipal do Partido Popular, Jacobo Moreira. Segundo os seus achegados impedíronllelo as súas responsabilidades no Parlamento galego. Tamén faltaron, aínda que ambos os dous por motivos persoais, o popular Ricardo Aguilar e a nacionalista Carme da Silva.
Ao inicio, Miguel Anxo Fernández Lores quixo dar o parabén a todos os concelleiros "polo traballo realizado estes catro anos", xa que afirmou que Pontevedra "ten avanzado grazas a todos". Tivo un recordo especial, ademais, para os concelleiros que abandonan a corporación aos que lles desexou que teñan "moito éxito nas súas actividades persoais e profesionais" e trasladoulles que os pontevedreses "agradécelles a súa dedicación" nos últimos catro anos.
A continuación tomaron a palabra edís que se despedían como María Biempica que destacou que o seu paso pola corporación foi unha experiencia "transformadora y enriquecedora". A pesar de agradecer a todos "sin excepción" o seu trato, asegurou ter atravesado por situacións "que me exigían coherencia" e que se non se tivese presentado ás eleccións co seu partido "tenga seguro que hubiese votado por usted, señor Lores, porque su gobierno lo ha hecho muy bien".
María Biempica afirmou que se non se tivese presentado ás eleccións co seu partido "tenga seguro que hubiese votado por usted, señor Lores"
Ao igual que ela, Antón Louro agradeceu o traballo de funcionarios e medios de comunicación e sinalou que para el estes catro anos como voceiro do PSdeG-PSOE foron de "profunda satisfacción" polo traballo realizado e "positivos" para a cidade, "defendendo sempre o que cremos que é mellor para Pontevedra". Apelou no seu discurso a Castelao e ao fundador do PSOE, "Pablo Iglesias Pose", unha matización que espertou sorrisos no patio de butacas do Teatro.
Tamén se despediron o edil do BNG, Miguel Filgueira, que destacou o gran traballo que se realiza dende o ámbito municipal porque "cando cheguei tiña unha percepción errónea"; e os populares Eloísa Nogueira, Ana Isabel Vázquez e Pablo Fernández. Este último tivo ademais un emocionado recordo para Ricardo Aguilar porque "sentímonos baleiros sen a súa presencia" e afirmou que "deixa o listón moi alto" tras oito anos na corporación.
En concreto, na próxima corporación non estarán Rosa Picallo, Ricardo Aguilar, Ana Isabel Vázquez, Eloísa Nogueira, Beatriz García Riestra, Pablo Fernández e Miguel Ángel Meijón (PP); Antón Louro e Carlota Román (PSdeG-PSOE); Miguel Filgueira (BNG) e a edil non adscrita María Biempica. Todos eles se despediron con bicos e abrazos do resto dos seus compañeiros antes de posar ante a prensa para a última foto desta etapa política. Unha imaxe para o recordo.