SAL 'rompe' con Telmo Martín e ultima a formación dun catripartito en Sanxenxo
Por Redacción
Telmo Martín non será, salvo un xiro inesperado dos acontecementos, o próximo alcalde de Sanxenxo. O bastón de mando ostentarao Gonzalo Pita, candidato de Sanxenxo Agrupación Liberal (SAL), que ultima a formación dun catripartito que estará formado por PSdeG-PSOE, BNG e Sanxenxo Pode. Así o recoñeceu o propio Martín, que anunciou este martes a ruptura das conversacións que mantiña cos edís de SAL para formar goberno.
O exalcalde de Sanxenxo lamentou que despois de máis de doce horas de reunións e catro encontros, Gonzalo Pita o chamase esta mesma mañá para comunicarlle a ruptura das negociacións. Para el, é un "erro" rexeitar o acordo entre os dous partidos máis votados nas eleccións, especialmente cando "SAL sabe que a gran maioría dos seus votos, os 260 que creceron nestas eleccións e os que obtiveron hai 4 anos, proceden do PP.
Martín afirmou que "sinceramente non creo que a intención deses votantes fose desaloxar ao PP do goberno e menos a custa dun catripartito" e afirmou que un goberno formado por catro partidos políticos diferentes permitirá garantir a investidura de Gonzalo Pita como alcalde pero será "insuficiente" para afrontar os proxectos pendentes, actuacións que necesitan un goberno "cohesionado, con liderado e con capacidade de xestión,".
Neste sentido, o candidato do PP á Alcaldía -que se quedou a un concelleiro da maioría absoluta- explicou que durante as súas negociacións con SAL se chegou a consensuar un documento que incluían 28 compromisos e proxectos a executar, entre eles os tres paseos marítimos na costa, o novo mercado de Sanxenxo e a humanización da estrada da Lanzada en Portonovo.
Ademais, segundo Telmo Martín, mesmo se alcanzou un acordo de goberno no que os edís este último partido se ían facer cargo de "áreas tan relevantes" como Comercio e Hostalaría, Educación, Servizos Sociais e Deportes e Xuventude. Gonzalo Pita sería, por outra parte, o primeiro tenente de alcalde. O custo do goberno estaba cuantificado en 200.000 euros anuais.
O PP asegura que "respectamos calquera decisión que se tome", pero insisten en que é un erro deixar fóra do goberno o partido que obtivo o 41% dos votos nas pasadas eleccións municipais.
Relacionadas:
-
O goberno de Sanxenxo leva ao pleno una reducción de custes superior ao 20%
Por Redacción |
-
Telmo Martín lánzase a recuperar os "desprazados do PP en Sanxenxo" entre críticas ao goberno de Catalina González
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Pita, elixido alcalde de Sanxenxo entre vítores e aplausos
Por Oskar Viéitez |
-
O catripartito de Sanxenxo escenifica a súa unidade antes do pleno de investidura
Por Diego Espiño |
-
O catripartito asume o obxectivo de que Sanxenxo "rompa co clientelismo e calquera sombra de corrupción"
Por Oskar Viéitez |
-
"Respecto que o partido optara por Telmo, pero teríame gustado moito que as formas foran outras"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Eleccións 24M: Telmo Martín queda ao borde da maioría absoluta en Sanxenxo
Por Redacción |