A Xunta Electoral Central anula os polémicos votos de Caldas e deixa o PSOE sen maioría absoluta
Por Natalia Puga
A Xunta Electoral Central deu unha volta máis de rosca á polémica xurdida en Caldas de Reis a raíz de dous votos manipulados que inicialmente foron anulados durante o reconto da noite electoral e logo admitiu como válidos a Xunta Electoral de Zona de Pontevedra. O organismo central vólveos anular nunha resolución xa firme contra a que non cabe novo recurso. Se algún partido político está en desacordo coa decisión, xa só poderá presentar un recurso na vía xudicial.
A anulación destes dous votos resulta decisiva para a conformación do futuro Goberno local de Caldas, pois o PSdeG-PSOE quedou a tan só un voto da maioría absoluta. A resolución da Xunta Electoral Central confirma o reconto da noite electoral, de modo que a repartición de concelleiros da futura Corporación queda a razón de seis socialistas, catro do PP, un do BNG e dous de Independentes de Caldas de Reis (ICdR).
O acordo da Xunta Electoral Central estima o recurso presentado polo PP contra o acordo da Xunta Electoral de Zona, no que pedía que se declarasen nulas as papeletas pertencentes á candidatura do PSOE da Mesa 2.2. U de Caldas. Trátase de dúas papeletas que aparecen resgadas na súa parte inferior xusto por debaixo do último suplente, de modo que foi cortada a parte inferiro en branco, carecendo dun anaco de papel.
Ao respecto, o documento da Xunta Electoral Central, ao que tivo acceso PontevedraViva, conclúe que se produciu unha alteración da papeleta de carácter voluntario ou intencionado, polo que resulta plenamente aplicable a consecuente nulidade do voto.
O PSdeG-PSOE queda con maioría simple, de tal forma que necesita o apoio ou abstención dalgún outro grupo para facilitar a investidura de Juan Manuel Rey Rey como alcalde outros catro anos.
Relacionadas:
-
Juan Manuel Rey consegue (outra vez) a maioría absoluta en Caldas tras a decisión do TSXG
Por Redacción |
-
Juan Manuel Rey logra a maioría absoluta en Caldas ao validar a Xunta Electoral dous votos nulos
Por Redacción |
-
Dous votos anulados o 24M poderían dar a maioría absoluta ao PSOE en Caldas. A decisión, o venres
Por Natalia Puga & Cristina Saiz |
-
Eleccións 24M: Vitorias en minoría de Juan Manuel Rey (PSOE) en Caldas e Antonio Pena (PP) en Cuntis
Por Redacción |