Piden cinco anos de prisión para dous dos membros da banda que asaltou a un empresario arousano
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra xulgará o próximo martes día 9 a dúas das cinco persoas acusadas do asalto ao domicilio dunha familia en Vilagarcía.
En concreto, segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, a Fiscalía de Pontevedra acúsaos de roubo con violencia na casa habitada, roubo de uso con forza, falta e delito de lesións.
As dúas persoas que se sentarán no banco dos acusados, supostamente entraron a roubar, xunto a outras tres persoas non identificadas, na casa do xerente da empresa Excavaciones Bremar, na zona de Castroagudín, en setembro de 2012.
O home foi golpeado brutalmente cun bate e ameazado cun coitelo no pescozo
Segundo o escrito de cualificación, un dos acusados apuntou cunha escopeta de aire comprimido a un dos moradores da vivenda, quen tamén foi golpeado brutalmente cun bate e ameazado cun coitelo no pescozo. Están acusados tamén de amedrentar a súa parella e a filla de ambos os dous, de tres anos, que se encontraban no interior da vivenda.
Os asaltantes ameazaron con facer dano á nena se o pai non lles dicía o contrasinal da caixa forte.
O fiscal acúsaos de roubar un coche Audi A3 da familia, 25.000 euros e 49 reloxos, entre outros obxectos e pide que cada un sexa condenado a cinco anos de prisión.
Os acusados foran detidos en Valencia pola Policía Nacional días máis tarde deste suceso.