"Respecto que o partido optara por Telmo, pero teríame gustado moito que as formas foran outras"
A Catalina González (Sanxenxo, 1965) quédalle apenas unha semana á fronte do Concello de Sanxenxo. Tras 16 anos na vida política municipal, os últimos oito como alcaldesa, remata un ciclo para ela. "Vaime dar moita pena porque me apaixona o meu traballo", recoñece nesta entrevista con PontevedraViva e sobre todo, di, porque "non nos vai dar tempo a rematar o que estabamos a facer, queda moito por facer".
Asegura que marcha agradecida pola oportunidade que tivo de traballar á fronte do goberno municipal para mellorar as condicións de vida dos seus veciños, pero nela apréciase certo halo de decepción co seu partido. O regreso de Telmo Martín impediu que puidese repetir como candidata do PP en Sanxenxo algo que, segundo apunta, non gustou a moitos afiliados. "Non se contou con eles. Nin con eles nin comigo. Nin se nos comentou".
Que se lle pasa pola cabeza a Catalina González nestes momentos? Sente alivio ou melancolía?
Pois ningunha das dúas cousas. Alivio non o vou a ter nunca, porque a min este traballo me apaixona, gústame moito. Non vai ser un alivio deixalo, vai ser unha pena. E melancolía tampouco porque me deu tempo, temos moitas cousas que facer ata o día 13. Supoño que despois, co tempo, si a vou ter, porque vou botalo de menos. Cando es alcaldesa dun pobo como Sanxenxo o es 24 horas, non deixas de selo en ningún momento. Agora terei que readaptarme. Vai ser duro, pero serei capaz de facelo.
E tras eses 16 anos en política, que balance farías?
Como concelleira, sempre o digo, fun moi afortunada porque tiven a posibilidade de poñer en marcha proxectos que non existían en Sanxenxo dentro das áreas de turismo e servizos sociais. Para min foi unha etapa satisfactoria. Como alcaldesa foi moi duro, porque me tocou ter que facer fronte ao pagamento de todos eses proxectos que se executaron os oito anos anteriores e con moitos menos recursos. Grazas ao esforzo que fixemos de axuste e de control agora estamos en posición de empezar a crecer de forma ordenada.
Iso fai que che dea máis pena abandonar a Alcaldía?
Dáme moita pena. Nalgún momento tíñao que deixar, pero agora estamos empezando a ver os resultados da nosa xestión, sobre todo no turismo polo que apostamos moi forte. Conseguimos traballar cóbado con cóbado cos empresarios e fomos capaces de transmitirlles a necesidade de formar parte dun mesmo proxecto. Aprendemos moito deles, ensináronnos o camiño que había que tomar para promovernos de forma acertada. Aínda podemos crecer, pero estamos moi ben posicionados.
"Ser alcaldesa foi moi duro, porque me tocou ter que facer fronte ao pagamento de todos eses proxectos que se executaron os oito anos anteriores e con moitos menos recursos"
Falas do turismo, pero a referencia de Sanxenxo adoitaba ser o urbanismo. Foi difícil reorientar a economía de municipio?
Foi moi complicado. Cando cheguei á Alcaldía en 2006, en Galicia gobernaba un bipartito que tiña a Sanxenxo como obxectivo principal de derrubamento en canto a todas as súas actuacións urbanísticas. De feito, tivemos varios preitos con eles porque nos impedían crecer e desenvolver unidades que estaban no noso plan xeral. Ao final gañamos, pero esa pelexa continua fíxome reflexionar.
En que sentido?
Non me gustaba que Sanxenxo tivese que estar a saír nos medios defendéndose constantemente de denuncias urbanísticas ou formulando como afrontar eses temas que tiñamos en marcha. Por iso, un dos obxectivos principais do meu goberno e un empeño persoal meu foi intentar que se falase de nós polo que temos de importancia, polo noso marabilloso ámbito, polos nosos fantásticos recursos, por todo o que temos para ofrecer. Pouco a pouco fomos dando esa volta e debemos seguir nese camiño.
Temes que, dependendo de quen goberne Sanxenxo, se retomen vellos vicios?
A construción volverá a Sanxenxo, igual que ao resto do país, e a quen lle toque estar no goberno pediríalle que non se lle esqueza o pasado e afronte o futuro cunha perspectiva sostible e de moito control sobre a presión privada. Só así evitaremos encontrarnos con cousas que a ninguén lle gustan. Espero que asuman ese reto. Crecemento si, pero sostible e controlado. E sempre co desenvolvemento turístico e do noso ámbito como prioridade.
Unha desas denuncias urbanísticas levou a unha investigación xudicial que acabou con Catalina González imputada. Foi o teu peor momento como alcaldesa?
Puntualmente puido ser o momento de máis shock, porque eu nunca esperei poder chegar a ser imputada nun caso urbanístico, nada máis lonxe da miña percepción como dirixente. Foi máis duro o momento de chegar á casa e contarllo á miña familia. Aféctache máis iso, porque estar na vida pública é unha decisión persoal e ao final eles tamén sofren as consecuencias. Pero estou totalmente tranquila con respecto ás miñas actuacións e en como xestionamos a vida pública. Non teño ningunha dúbida de como rematará todo isto.
Cres que o xuíz levantará a imputación?
O meu avogado así o pediu. Absolutamente todos os que declararon confirmaron que non había razón para estar imputada. Non exercín ningún tipo de presión ou mediación, todas as licenzas se outorgaron con informes técnicos e xurídicos e eu xamais intervín na toma de decisións. Agora que a Audiencia deu a razón a Encarnación Rivas e xa non está imputada, non debería tardar en resolverse o meu recurso. Gustaríame que fose canto antes. Non sei se será posible nesta semana que queda, pero sería unha satisfacción, dende logo.
"Eu nunca esperei chegar a ser imputada nun caso urbanístico, nada máis lonxe da miña percepción como dirixente. Foi duro o momento de chegar á casa e contarllo á miña familia"
E durante todo este proceso decepcionoute alguén?
Non, sentinme moi apoiada por todo o mundo.
Tampouco ninguén do teu partido?
Non, para nada. Con respecto á miña imputación, non.
Non sei se esa matización esconde algún matiz... Por que non fuches elixida finalmente como candidata do PP en Sanxenxo?
En 2011 dixen que eran as últimas eleccións nas que me presentaba como candidata. Durante moito tempo intentei que, a nivel provincial, se organizase un congreso local. Así o demandaban os afiliados e así llo trasladei ao partido. Había que elixir un presidente e ver a posibilidade de que puidese xurdir de aí a persoa que se perfilara como candidata. Pedino ata a saciedade e non se tivo nunca en conta.
Como vía que pasaba o tempo e non se facía o congreso nin se buscaba un perfil de candidato que ir apoiando e postulando, chegou un momento no que formulei que se o partido tiña dificultades para encontrar o candidato idóneo e crían necesario que repensara a idea de irme, que non habería problema. Estaba disposta a seguir.
E así o manifestaches publicamente. Foi todo un balbordo, non?
Sei que sorprendeu moito cando vós o publicastes. Logo recollérono todos os medios. Pero insisto, máis que unha postulación era unha disposición ao partido. Se entendían que non aparecía un candidato idóneo e eu tiña que repetir, estaba disposta a pensalo. Pero non foi así. O partido, de feito, con moita antelación buscara un candidato, aínda que a min non se me trasladou ata última hora. Optouse por Telmo, decisión que eu respecto profundamente.
Respéctalo, pero esperabas outro trato...
A min teríame gustado moito que as formas foran outras. Creo que o partido debe estudar seriamente o que está a pasar. Hai que deixar de escoitar determinados gurús que levan toda a vida querendo manexar os fíos do partido sen dar nunca a cara, que sempre queren que a súa opinión sexa tida en conta. Temos que centrarnos máis na xente, nos nosos afiliados, que son os que non nos fallan nunca, sempre dan a cara por nós. Merecen un respecto e ser escoitados. E creo que non se está a facer así. O partido debe reformularse moitas cousas coa mensaxe que nos deu a cidadanía nas urnas.
E en Sanxenxo non se contou cos militantes?
Para nada, en absoluto. Non o creo, seino. Non se contou con eles. Nin con eles nin comigo, que era a presidenta. Nin se nos comentou. É unha decisión que se tomou non sei onde e que se tomou de costas ao partido a nivel local. O que nos están a dicir os cidadáns é que non queren ese tipo de gobernos. Queren ser escoitados, que coñezamos de primeira man os seus problemas e que sexamos capaces de sentarnos mesmo cos nosos adversarios para resolvelos.
"O partido debe estudar seriamente o que está a pasar. Hai que deixar de escoitar determinados gurús que levan toda a vida querendo manexar os fíos do partido sen dar nunca a cara"
Cres que iso explica os resultados do PP en Sanxenxo?
Eu creo que axuda a explicar o resultado das eleccións en xeral, en Sanxenxo tamén. Creo que a cidadanía nos dixo a todos os partidos que queren que deixemos de pelexarnos e empecemos a falar para consensuar posturas que resolvan os problemas da xente. Temos que deixar de mirarnos o embigo continuamente.
En Sanxenxo parece haber dúas posibilidades, que goberne Telmo Martín ou un cuatripartito encabezado por SAL. Cal é a túa preferencia?
Catalina González prefire que goberne o Partido Popular, sempre. O Partido Popular é o meu partido, seguirao sendo toda a miña vida. O PP non son persoas determinadas, son a gran base social que temos detrás. E por iso eu quero que gobernemos sempre, en Sanxenxo e en todas as partes. Pero si é certo que temos que facer unha reflexión e pensar que pasou e que temos que cambiar.
E, sexa quen sexa, que lle pedirías ao próximo alcalde?
Gustaríame que saiba que estou á súa disposición para calquera cousa na que poida ser útil. Eu vou estar aí sempre. Tamén estarei aí para os veciños. Pero o que si me gustaría pedirlles é que non vexan o que pasou neste goberno anterior como algo a destruír ou a non ter en conta. Que valoren moito o traballo que fixemos, que sigan pola mesma liña e que conten coa cidadanía. A pouco que fagamos e que a economía remonte, os resultados poden ser espectaculares.
E Catalina González a que se vai dedicar a partir do 14 de xuño?
O primeiro que vou facer é descansar. Vou coller vacacións, algo que non fixen na miña vida máis alá de tres ou catro días libres. Tomareime as cousas con calma, pero crearei unha pequena empresa. Cumpro 50 anos este ano e tócame cambiar de terzo. Non podo permitirme dedicarme á vida contemplativa. Teño que pagar as facturas e teño dous fillos. Teño pensado por onde van ir os tiros, pero non quero tomar decisións precipitadas.
Relacionadas:
-
Catalina González sopesa regresar á política e encabezar unha candidatura independente
Por Alejandro Espiño |
-
Retiran a imputación ao secretario do Concello de Sanxenxo por presuntas irregularidades urbanísticas
Por Redacción |
-
Telmo Martín lánzase a recuperar os "desprazados do PP en Sanxenxo" entre críticas ao goberno de Catalina González
Por Oskar Viéitez |
-
Gonzalo Pita, elixido alcalde de Sanxenxo entre vítores e aplausos
Por Oskar Viéitez |
-
O catripartito asume o obxectivo de que Sanxenxo "rompa co clientelismo e calquera sombra de corrupción"
Por Oskar Viéitez |
-
SAL 'rompe' con Telmo Martín e ultima a formación dun catripartito en Sanxenxo
Por Redacción |
-
Telmo Martín encara o seu terceiro asalto á Alcaldía de Sanxenxo con "máis ilusión que a primeira vez"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Louzán, sobre Catalina González: "Sabemos do seu traballo, Sanxenxo non é un municipio doado"
Por Oskar Viéitez |
-
Catalina González, disposta a repetir como candidata do PP á alcaldía de Sanxenxo
Por Alejandro Espiño | Creada e actualizada