O Concello descarta "absolutamente" subir o recibo do lixo pola sentenza de Sogama
Por Alejandro Espiño
A cantidade que, finalmente, Pontevedra teña que a Sogama tras a negativa do Tribunal Constitucional a admitir a trámite o recurso presentado polo Concello "non se vai a repercutir aos cidadáns". Así de contundente se mostrou este venres Raimundo González, voceiro do goberno municipal. "Non vai a implicar absolutamente ningunha subida da taxa de lixo na cidade".
En todo caso, Raimundo González recordou que nos últimos meses se produciu un "cambio substancial" no conflito entre ambas as dúas partes. Tras a chegada do novo presidente de Sogama, Javier Domínguez, abriuse unha negociación para resolver "calquera contencioso presente ou futuro". Trátase duns contactos telefónicos e presenciais que "continúan abertos" e que se mantiveron mesmo tras as eleccións municipais.
O edil do BNG asegurou que esta decisión xudicial "non debería" dificultar estas negociacións, xa que se encontran "moi avanzadas". Dende o Concello queren poñer fin a esta situación "e evidentemente Sogama tamén", polo que González mostrou o seu convencemento de que "nun prazo non moi longo" chegarán a un acordo que regule a contía a pagar e os prazos, entre outras cuestións.
O PP PIDE EXPLICACIÓNS SOBRE A DÉBEDA
Ante esta resolución xudicial, o Partido Popular esixe a Lores que convoque de urxencia aos voceiros dos grupos que terán representación na corporación municipal para informar "con claridade e transparencia" sobre a situación real do Concello de Pontevedra con respecto á débeda con Sogama.
Entende Jacobo Moreira que o BNG empeza este mandato "ao grande" e tendo que aboar "máis de cinco millóns de euros" a Sogama, unha situación que para o PP non é unha sorpresa, xa que o seu voceiro recordou que os populares denunciaron varias veces que "levamos máis dunha década de preitos inútiles, gastando os cartos das arcas municipais e ao final temos que pagar a débeda máis os intereses, que superan o millón de euros".
O Partido Popular quere coñece ademais como afrontará o Concello o pagamento dese diñeiro "porque non existe partida orzamentaria para este asunto".
Ademais, Moreira criticou que o BNG siga buscando "inimigos" e esta vez, tras Sogama puxese as súas miras no Tribunal Constitucional. "É lamentable que o goberno do Concello de Pontevedra cuestione o papel do Tribunal Constitucional cando non lle da a razón", advertiu Jacobo Moreira, "as decisións xudiciais hai que respectalas sempre".
Relacionadas:
-
O PP reclamará ao Goberno local os datos sobre a cantidade total da débeda acumulada con Sogama
Por Redacción |
-
O PSOE pide unha Xunta de Voceiros urxente para recibir explicacións sobre a débeda de Sogama
Por Redacción |
-
O Constitucional falla a favor de Sogama no seu conflito con Pontevedra e o Concello cualifica de "lamentable" a decisión
Por Oskar Viéitez & Alejandro Espiño | Creada e actualizada
-
Sogama e o Concello inician negociacións para chegar a un acordo extraxudicial pola débeda
Por Alejandro Espiño |