O talento da Esdemga trasládase á galería Sargadelos
Por Diego Torrado
Un total de 21 estudantes da Esdemga participan na mostra Pedra, papel, tesoira. O trazo da moda, que este xoves se inaugurou na Galería Sargadelos de Pontevedra. Nela, expoñen as ilustracións realizadas para as súas coleccións durante os últimos anos.
En total, esta mostra, que está comisariada polos profesores Marta Riera e Nono Bandera, reúne preto de medio cento de ilustracións realizadas polo alumnado no marco da súa formación.
"A nosa idea é amosar a outra parte do traballo que se fai na aula, xa que na titulación dedícaselle un tempo importante á representación e ao debuxo, que é unha das ferramentas de comunicación máis importantes na moda", salientou Riera dunha mostra que propón ir máis aló de prendas e coleccións para achegarse aos papeis onde nacen todas estas propostas.
Para dar forma á exposición que se poderá ver ata o 27 de xuño nesta galería pontevedresa realizouse unha selección de proxectos que naceron como parte do día a día de varias materias destes estudos de deseño e moda. Dado que "moitos deles tiñan un valor plástico", como explicou Riera, decidiuse convertelos na base da mostra, que se completa cunha pequena selección de prendas deseñadas polos estudantes e que acompañarán aos bocexos dos que partiron.
Verónica Arjonil, José Cortizo, Nuria Doce, Isabel Doménech, Javier Eijo, Ana Micaela Fernández, Melania Freire, Andrea García, Rocío Laseca, Cecilia López, Lucía Macasoli, Luis Mariño, Alejandra Martín, Mónica Martínez, Lorena Paz, Carla Redondo, Tatiana Rico, Raquel Suárez, Paula Vázquez, Sara Vigo e Fulya Villanueva son os 21 protagonistas dunha mostra que reúne traballos de estudantes de todos os cursos.
Relacionadas:
-
Os alumnos de Deseño e Moda buscan modelos para o seu Debut
Por Redacción |
-
Os alumnos de Esdemga estrenarán pasarela: Lagasca Vintage
Por Redacción |
-
As alumnas de Esdemga gañadoras do concurso Talento y Co entregan o seu premio á Universidade
Por Mónica Patxot |
-
A Esdemga, gañadora da primeira edición da Competición Nacional de Escolas de Moda
Por Redacción |