Unha condutora impacta contra o coche oficial do alcalde de Pontevedra e dá positivo en drogas
Por Redacción
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, sufría un accidente de tráfico este xoves 4 cando circulaba no coche oficial á altura da saída da autoestrada na conexión coa estrada de Vilagarcía de Arousa.
Un BMW, que circulaba pola estrada en dirección a Pontevedra, conducido por unha muller de 26 anos impactaba contra o vehículo do rexedor, pilotado polo chofer do Concello, causando danos na defensa e no radiador do coche no que viaxaba o alcalde e o xefe de comunicación do Concello de Pontevedra, Antón Prieto. Fernández Lores retornaba dunha entrevista na Radio Galega en Santiago de Compostela.
Ambos os dous condutores foron sometidos por axentes da Garda Civil a un control de alcoholemia no que se rexistraron resultados negativos. Non obstante, á condutora, veciña de Betanzos, tamén se lle realizou un narcotest no que deu positivo en drogas por consumo de hachix, cocaína e opiáceos.
Os ocupantes dos dous vehículos resultaron ilesos e o coche oficial foi trasladado ao Parque municipal de Bombeiros.