Leyre e Nerea trasnoitaron para ser as primeiras bebés pontevedresas de 2013
Por Natalia Puga
A primeira galega do ano foi este 2013 de Pontevedra. ÿ unha nena que naceu tan só 15 minutos despois das badaladas no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Non tan madrugadoras, pero tamén nenas e trasnoitadoras foron as dúas primeiras nenas da área sanitaria norte da provincia. Son Nerea e Leyre, dous bebés nacidas ás 1.05 e 2.03 horas nos hospitais Provincial e do Salnés.
A máis madrugadora foi Nerea. Naceu ás 1.05 horas no Hospital Provincial de Pontevedra. Á súa nai, Fátima Soliño tiveron que practicarlle unha cesárea e entrou no quirófano pouco despois de media noite.
Arredor das 12.25 horas da mediodía deste martes 1 de xaneiro subiu ao seu cuarto procedente da área de reanimación. Esperábanlle o pai da pequena, Marcos Carracelas, e unha parella de amigos. E unha bebé que tan só rompeu a chorar un pouco, pero se mostrou tranquila, mesmo cando os fotógrafos invadiron o cuarto para fotografar a primeira pontevedresa do ano.
A parella de pais é novata e natural de Marín. Mostrouse tranquila, pero rexeitou contar detalles do alumeamento ou da pequena, que pesou 3,670 quilogramos.
Unha hora máis tarde que Nerea nacía Leyre no Hospital do Salnés. A súa nai, Jennifer Rey Fernández, deu a luz ás 2.03 horas e a pequena pesou 3,480 quilos. Os pais (o proxenitor é Juan Torrado) tamén son novatos e son veciños de Ribadumia.