"A condena da muller como ser pecador"
Por Oskar Viéitez
O traballo de final de grao de dúas estudantes de Belas Artes sorprendeu este martes os que pasaron pola praza da Ferrería a primeira hora da mañá.
Metidas nunha bañeira, dentro dunha gran gaiola estas dúas mozas mondaban unhas mazás suspendidas no aire.
As responsables desta 'performance', Lara Buyo e Ana Corujo explicaron que con este traballo pretendían compartir e xerar unha reflexión da "condena da muller como ser pecador". De aí a carga simbólica dalgunhas imaxes como as mazás porque "cremos que a relixión ten demasiado peso na nosa sociedade" e polo tanto entenden que esta é tamén "responsable deste sistema patriarcal", explicou Lara Buro.
Respecto á presenza da bañeira, Ana Corujo destacou a "ironía" coa que formularon este utensilio sanitario "estabamos a bañarnos nos nosos propios pecados".
Non é a primeira ocasión na que estas dúas mozas desenvolven unha 'performance' nos espazos públicos de Pontevedra, o que suscita reaccións entre os transeuntes "que son as que máis nos interesan".
Neste sentido, aseguran que "aínda que os pontevedreses xa están afeitos ás accións dos alumnos de Belas Artes" seguen encontrando reaccións de sorpresa, "algúns ata nos piropean" e mesmo suscitaron reaccións de rexeitamento.
"Houbo un home que nos berrou que toda a culpa é das mulleres", son situacións que lles serven para a súa tese, polo que se mostraron "satisfeitas" polo resultado final deste traballo.