As Cámaras de Comercio de Galicia celebrarán o II Foro de Innovación en Pontevedra
Por Redacción
O Pazo da Cultura de Pontevedra converterase, o 19 de xuño, na sede do Foro InnoCámaras de Galicia ao que acudirán máis de 100 pemes galegas. Trátase do Segundo Foro que o Programa InnoCámaras desenvolve na comunidade, despois do celebrado en 2007 en Ferrol.
Este evento diríxese a pequenas e medianas empresas (PEME) que buscan mellorar a súa competitividade a través da incorporación da innovación nos seus procesos produtivos. Ademais, o Foro da Innovación é punto de encontro para o intercambio de experiencias e difusión de mellores prácticas na área da innovación.
Esta cita empresarial contará con tres promotores de proxectos innovadores de éxito de Galicia e ofrecerá a posibilidade de coñecer e compartir experiencias entre as PEME que participen.
InnoCámaras permite realizar diagnósticos individualizados ás empresas que o soliciten, co fin de detectar as súas necesidades en materia de innovación. Nunha fase posterior ofrece apoio económico para levar a cabo os plans necesarios que garantan a rendibilidade e competitividade das empresas.