O congreso dos pediatras galegos incluirá cursos de Reanimación Cardiopulmonar para todos alumnos de ESO de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá os próximos 2 e 3 de outubro o congreso da Sociedade Pediátrica de Galicia (SOPEGA).
Para presentar este evento acudiron este mércores ao Concello de Pontevedra o presidente de SOPEGA, o doutor José Antonio Couceiro, xefe de servizo de Pediatría do Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP), e o doutor Javier Vilas González, xefe de sección de Neonatología del Chop e membro do Comité Científico de SOPEGA.
O alcalde en funcións, Miguel Anxo Fernández Lores, celebrou que os pediatras galegos teñan elixido a cidade do Lérez para esta cita e mostrouse especialmente satisfeito coas actividades paralelas que inclúe o congreso. Entre elas, un curso de Reanimación Cardiopulmonar (RCP) Básica aberto para todos os institutos de ESO e FP do municipio.
En concreto, o curso está dirixido a alumnos de segundo da ESO, duns 13 anos de idade.
Por este motivo os organizadores do congreso acudiron con tanta antelación ao Concello, para empezar a coordinar esta actividade poñéndose en contacto cos directores dos centros educativos, a Asociacións de Pais e Nais de Alumnos e demais comunidade educativa.
Fundamentalmente o curso consistirá na proxección dun video explicativo e unha práctica na que grupos de dez mozos acompañados dun monitor aprenderán a realizar esta manobra de emerxencia.
O Congreso incluirá foros abertos á cidadanía para que dirixan preguntas aos pediatras
O doutor Javier Vilas subliñou a importancia de ensinar aos máis novos a practicar unha RCP xa que "en España hai unhas 35.000 mortes súbitas ao ano" e "na maioría dos casos a xente que está arredor non sabe que facer". Non obstante, entende que "se se ensina dende a base como se debe actuar se podería reducir a mortalidade un 20% " mentres chegan os servizos de emerxencia, afirmou. O 88% das mortes súbitas ten orixe cardíaca.
Este congreso de SOPEGA tamén incluirá foros abertos á cidadanía para que dirixan preguntas aos pediatras.
Na parte científica desta cita congresual abordaranse cuestións de farmacoterapia e cirurxía pediátrica, entre outros asuntos.
Moi contento con esta proposta, Fernández Lores, que tamén é médico de profesión, sinalou que "esta é unha Alcaldía que receita", en referencia ao modelo de cidade cun "deseño saudable", que prioriza o peón fronte ao coche "aquí receitamos ao cidadán andar un mínimo de cinco mil pasos e facer exercicio", sinalou o rexedor en funcións.