Menores bebendo alcol, roubando unha moto ou vendendo droga, actuacións da Policía Local
Por Redacción
Días atarefados viviron os axentes da Policía Local de Pontevedra. E todo iso debido a condutas delituosas nas que estiveron involucrados menores de idade. O consumo de bebidas alcohólicas, a venda de sustancias estupefacientes ou o roubo dun ciclomotor foron os casos aos que se enfrontaron nos últimos días. O resultado: numerosos mozos identificados e varias denuncias.
A primeira destas intervencións produciuse o pasado sábado 22 de decembro. Ás 23:30 horas, denunciouse a un local de copas de Pontevedra por vender alcol a menores. Dentro do mesmo, os axentes da Policía Local atoparon a varios menores de idade celebrando unha festa. A bebida estaba colocada na barra. Tras ser identificados, os catro novos aseguraron que pagaran ao dono do local un aluguer para poder beber no seu interior.
Esa mesma noite, ás 05:00 da madrugada unha patrulla da Policía Local atopouse cun menor de idade que empuxaba unha moto pola rúa Reina Vitoria. Malia darlle o alto, o mozo fixo caso omiso. Foi perseguido ata Rosalía de Castro, onde tirou a moto e deuse á fuga por Gagos de Mendoza e General Rubín.
Tras ser detido, confesou roubar o vehículo nas inmediaciones da cafetería Blanco y Negro, na Alameda. Ao non portar identificación, foi trasladado á comisaría e avisouse aos seus pais, quenes se fixeron cargo do menor e dos destrozos causados. O mozo foi denunciado por sustracción da moto.
E para rematar, dentro da vixilancia que realiza a Policía Local ao consumo e venda de drogas, imputouse a unha persoa por un delito contra a saúde pública. Formaba parte dun grupo de sete mozos, de entre 18 e 20 anos, que se atopaba na Enfesta de San Telmo. Segundo relata a Policía, atopábanse en actitude vixiante e en preaviso. Por iso é polo que aparcaron o coche policial lonxe deles para vixialos.
Cando chegaron os axentes, intentaron esconder algo nun muro próximo. Un deles portaba pequenas cantidades de marihuana e arroxou ao chan unha bolsa de plástico, na que localizaron varias bellotas de hachís. A outro dos mozos interviñéronselle tamén varias bolsas de marihuana e, entre o material que trataban de esconder no muro, recuperáronse ata cinco bellotas de hachís.