Denuncian a "queima clandestina" de expedientes urbanísticos no Concello de Marín
Por Redacción
A portavoz do grupo municipal do BNG en Marín, Pilar Blanco, denuncia que "en datas recentes" procedeuse á queima de expedientes municipais en materia urbanística "sen que a día de hoxe, se tivera aberto ningún tipo de procedemento legal por parte da alcaldía".
Pilar Blanco asegura que coincidindo co traslado do departamento de Urbanismo desde as oficinas da rúa Méndez Núñez ás dependencias municipais, "procedeuse á queima de expedientes na nave municipal da Sacoa, onde se empraza parte do Arquivo Municipal".
A edil nacionalista explica que "temos coñecemento, a través da propia Secretaria Xeral do Concello, de que a Policía Local, avisada polos propios funcionarios municipais, levantou acta da queima e que esta acta foi recepcionada pola propia alcaldesa" e desvela que tamén existen registros fotográficos.
"A queima ou destrución de expedientes municipais está expresamente prohibida pola lei, e a responsable máxima da súa custodia, neste caso, é a alcaldesa quen ten obriga de abrir un expediente informativo para saber quen deu a orde de queima e que expedientes, cos seus datos persoais, se queimaron, xa que non sabemos que tipo de información había neles", continúa a portavoz do BNG.
Reitera Pilar Blanco que "en ningún caso os expedientes municipais pódense destruír, a lei obriga ao seu arquivo, e non entendemos como non están abertas dilixencias para aclarar estes feitos dos cales a alcaldesa ten coñecemento directo a través da Policía Local".
Ante "a gravidade dous feitos e a falta de dilixencias por parte da alcaldesa", o BNG presentará unha moción na que instarán ao Concello de Marín a abrir expediente informativo sobre esta "destrución clandestina de documentos" e, que en todo caso, "debe estar dirixido a deslindar responsabilidades das posibles persoas involucradas nos feitos, e principalmente a coñecer que tipo de documentación foi destruída".