Todo preparado en Pontevedra para o 24-M
Un total de 105 mesas electorais estarán repartidas por todo o concello de Pontevedra para que os cidadáns poidamos exercer este domingo 24 de maio o noso dereito ao voto. Así se recolle nos datos que facilitou a Subdelegación do Goberno. Estarán situadas nos 43 locais que, nesta ocasión, se habilitaron como colexios electorais.
Un terzo desas mesas -aproximadamente 30 delas- estarán dispoñibles para os respectivos electores das quince parroquias do rural pontevedrés.
A Subdelegación repartiu por todos eses centros de votación un total de 127 urnas de votación, 90 cabinas, 42 soportes indicadores de colexio electoral e 47 soportes ou atrís de mesa electoral.
En total, 66.394 pontevedreses están chamados ás urnas, segundo reflicte o censo electoral do Concello de Pontevedra. Máis de 2.800 destes electores son mozos que votarán por primeira vez nunhas eleccións municipais. Ademais, 147 estranxeiros residentes na cidade tamén teñen dereito a votar para elixir o que será o alcalde de Pontevedra durante os próximos catro anos.
Para velar pola seguridade en todo este proceso electoral, despregaranse case 7.000 efectivos policiais en toda Galicia. Deles, 1.071 serán axentes da Garda Civil da provincia de Pontevedra. A eles sumaranse 844 axentes da Policía Nacional. O dispositivo complétase con efectivos das respectivas policías locais de cada un dos municipios pontevedreses e da Policía Autonómica.
XORNADA DE VOTACIÓN
O presidente, os vogais e os suplentes de cada unha das mesas de votación -que foron elixidos por sorteo durante un Pleno da corporación municipal- deberán estar presentes nos colexios electorais ás oito da mañá do domingo. Terán unha hora para comprobar que as urnas están pechadas e precintadas, que hai papeletas e sobres abondo e cabinas instaladas. Ademais, entre outras cuestións, examinarán a lista do censo e deberán asinar, xunto cos interventores de cada candidatura, a acta de constitución da mesa.
Ás nove da mañá abriranse ao público os colexios electorais. Serán, en total e se non existe ningunha incidencia, un total de once horas de votación. O prazo para depositar o voto na urna rematará ás oito da tarde. Comezará, a partir dese momento, o reconto dos votos emitidos incluíndo as papeletas que se remitiron por correo nos días previos a estas eleccións.
O Goberno calcula que os resultados definitivos se coñecerán a partir das dez da noite.
Relacionadas:
-
Eleccións 24M: un 46,34% dos pontevedreses votaron ata as seis da tarde, cinco puntos menos que no 2011
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado | Creada e actualizada
-
Eleccións 24M: Lores, o máis madrugador; Moreira, Agustín Fernández e María Rey, os máis familiares
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Reflexión en familia, vermú entre amigos e un encontro inesperado
Por Alejandro Espiño |
-
Festas no lugar de mitins para poñer fin a unha atípica campaña electoral en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Diego Torrado & Daniel Santomé |