A Port Party de Vilagarcía que sementou a alarma social non se celebrará na Tasca da Marina
Por Redacción
A Port Party que nos últimos días sementou a alarma en Vilagarcía ao levantar a pantasma de que se celebraría unha macrofesta con máis aforamento do permitido non se celebrará finalmente onde estaba previsto.
A festa estaba programada para Noitevella na Tasca da Mariña, unhas instalacións situadas nun local propiedade da Autoridade Portuaria explotadas pola empresa Mariña Vilagarcía.
Finalmente, a firma concesionaria comunicou que desistiu da súa celebración. Descoñécese onde se trasladará a festa, pero fontes oficiais da Autoridade Portuaria indicaron que teñen recicibido confirmación por parte de Mariña Vilagarcía de que non será nas instalacións previstas.
Estas mesmas fontes indicaron que a decisión de non celebrar a Port Party saíu da propia empresa concesionaria, se ben si que recoñecen que existiron contactos entre diferentes administracións en relación con esta festa sobre a que saltou a alarma de que se desmadraría en asistentes.
A alarma que rodeou nas últimas semanas a celebración de macrofestas polo temor a un novo caso como o Madrid Arena foi a causa desencadeante da polémica en Vilagarcía.
Pola localidade difundiuse un rumor que apuntaba que á Port Party acudirían mil persoas e estendeuse a través das redes sociais. Dende a organización trataron de "desmentir todos eses rumores de que somos 1000 persoas e todo iso, dende un principio díxose que era aforamento limitado, pero a polémica chegou ao Concello e a Autoridade Portuaria e finalmente provocou que se desista da súa celebración en instalacións públicas.