Sorprenden unha menor cando tentaba roubar un vestido de 27 euros
Por Redacción
A Policía Nacional identificou unha menor veciña de Pontevedra como presunta autora dunha falta de furto tras ser sorprendida intentando levarse un vestido dunha tenda de roupa do centro da cidade.
O furto produciuse o domingo 23 de decembro. Os responsables dun establecemento comercial da rúa Benito Corbal chamaron á Comisaría sobre as 18.40 horas alertando da presenza dunha moza que ao parecer tería furtado varias pezas e fora interceptada por un encargado da tenda.
Os axentes entrevistáronse co encargado do establecemento e relatoulles que sorprendera a moza cando se dispoñía a abandonar a tenda despois de activarse a alarma ao atravesar os arcos de seguridade.
Tras solicitar datos da presunta autora, os axentes incautáronlle a peza, un vestido valorado en 26,99 euros, que ademais presentaba danos no colo, tras arrancarlle o dispositivo de alarma.
A menor foi trasladada á Comisaría e alí quedou baixo custodia da súa nai. Deberá comparecer ante o Xulgado cando sexa requirida.