Zapata, D´Baño&Hogar, e Natlacha, gañadores do concurso de escaparates
Por Redacción
Os establecementos comerciais "Zapata" (Manuel Quiroga, 9), D´Baño&Hogar" (praza de San José, 2) e "Natlacha" (Galerías Peregrina, 7) foron os tres gañadores do concurso de escaparates de outono Ponte en Nadal.
A concelleira de Promoción Económica, Carlota Román, deu a coñecer o resultado das deliberacións do xurado, despois de visitar as propostas dos 47 establecementos participantes. Os tres gañadores obtiveron senllos premios de 500, 300 e 200 euros, respectivamente, ademais do diploma acreditativo.
O xurado valorou no caso de "Zapata" a calidade do seu escenario de Nadal, unha composición perfecta e a teatralización dos produtos.
En "D´Baño&Hogar", a coordinación de varios ambientes, a limpeza e perfecta coordinación que conducen á venta cruzada de produtos diversos.
Finalmente, en "Natlacha", a simplicidade e a mestura de colores e materiais nun escaparate valorado como tecnicamente perfecto.
A concelleira procedeu, a continuación, a extraer as papeletas dos 10 gañadores dos cheques-compra por valor de 20 euros para gastar no comercio local. Foron sorteados entre o público que fixo compras nos comercios participantes no certame entre as datas do 29 de novembro e o 15 de decembro pasados.
Os gañadores resultaron ser as persoas que, nos cupóns se identificaron como: Blanca Suárez, Míriam Esperón, Jorge Martínez, Pilar Rodríguez Blanco, Natalia, Margarita, David López, Míriam López, Fernando e Elena Pablo Lorenzo.
A concelleira de Promoción Económica amosou a súa satisfacción polo crecemento na participación e tamén pola maior calidade das propostas dos participantes, "notouse unha clara melloría con respecto ao primeiro concurso, celebrado na pasada primavera", salientou.
"tamén son calidade urbana, crean paisaxe e incitan á circulación peonil da xente"
Ademais, destacou o feito de que se estendeu por diversas zonas da cidade, máis alá do casco histórico e das rúas máis comerciais do centro.
Román subliñou que os escaparates "tamén son calidade urbana, crean paisaxe e incitan á circulación peonil da xente".
O xurado estivo presidido pola concelleira e houbo representantes do Centro Comercial Urbano Zona Monumental, Aempe, dos medios de comunicación e a escaparatista profesional Cani Juncal.