Controvertido veredicto de culpabilidade no crime de Marín: "Gracias por ayudar a un asesino"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
"Gracias por ayudar a un asesino". Este berro desgarrador irrompeu no ámbito da Audiencia Provincial de Pontevedra. O seu autor é Francisco Manuel Pérez Fraga, irmán da vítima do crime machista de Marín que se xulgou nos catro últimos días e con esa concisa frase resumía ao fiscal do caso o seu desacordo coa forma en que se levou o xuízo. Mostraba, en concreto, a súa desconformidade cunha das últimas decisións do ministerio público e da avogada da Xunta de Galicia, que exercía a acusación particular, ao reducir de 35 a 18 anos a pena de prisión que pedían para o autor confeso da morte da súa irmá Isabel.
A escena viviuse este xoves, pasadas as 21.30 horas, xusto despois das cales o xurado popular que xulgou o caso dese a coñecer o seu veredicto. Por unanimidade de todos os membros do tribunal, consideraron a Miguel Sanmartían Argibay culpable dos dous delitos dos que estaba acusado: dar morte a Isabel Pérez Fraga na súa casa de Marín en decembro de 2013 e agredila sexualmente cando estaba semiinconsciente utilizando un bote de spray e o colo dunha botella de cava.
Os membros do tribunal consideráronlle culpable de agredila sexualmente abusando da súa superioridade e de darlle morte intencionadamente e abusando da mesma superioridade. En ambas as dúas decisións, todo o xurado estivo de acordo e, tras dar a coñecer o seu veredicto, o fiscal ratificou que pide que Miguel Sanmartín sexa condenado a doce anos de prisión por un delito de homicidio e seis por un delito de agresión sexual. A acusación particular e a defensa do acusado manteñen a mesma petición e agora terá que ser a presidenta do tribunal, a maxistrada da Sección Segunda da Audiencia Provincial, quen dite unha sentenza na que lle impoña a pena a cumprir.
A sentenza aínda non se ditou, pero a maxistrada deberá cinguirse a poñer un número de anos de condena para o procesado, sempre en función do que determinou o xurado e do que solicitaron as partes. En vista da situación, o irmán da vítima decatouse de que o autor confeso da morte sa súa irmá cumprirá, como moito, 18 anos de prisión, e de que non será condenado por un delito de asasinato, senón que a súa sentenza será por homicidio.
O xuízo empezou o luns co procesado acusado de asasinato e agresión sexual, pero o fiscal e a acusación decidiron cambiar a súa cualificación dos feitos e rebaixar a acusación de asasinato a homicidio, de modo que a pena á que pasou a enfrontarse Miguel Sanmartín foi inferior. A decisión baseárona en que consideran que a vítima si tivo algunha oportunidade de defenderse do seu homicida.
A decisión, argumentada polo fiscal e a acusación ante o tribunal baseándose nas probas que saíron á luz durante o xuízo, non gustou á familia da falecido e causou o seu desacordo, pero o malestar incrementouse unha vez que o xurado se encerrou a deliberar e este xoves, tras dez horas debatendo, deu a coñecer o seu veredicto, no que os membros do tribunal acordaron por unanimidade todas as decisións agás unha, non todos coinciden en que o acusado e a súa vítima eran parella sentimental no momento en que se produciu o crime.
"En vez de apoyar a la victima lo que hicieron fue llegar a acuerdo para apoyar al culpable"
Os xurados consideran probado por unanimidade que Miguel Sanmartín lle propinou varios golpes a Isabel Pérez na súa casa, sobre todo na cara e a cabeza e que, deseguido, aproveitando a súa situación de atordamento a violou. Case de inmediato, segundo o veredicto do xurado, lle apertou o colo e taponoulle a boca e os orificios nasais provocándoo a morte por asfixia. Non menciona a resolución do xurado se o procesado estaba ou non borracho no momento do crime, unha das circunstancias que argumentou o propio homicida cando confesou os feitos e nas que a defensa insistiu durante todo o xuízo.
Unha vez lido o veredicto, o irmán da falecida quixo trasladar aos medios de comunicación que unha condena de 18 anos será "un regalo" para o acusado e que a Xunta de Galicia, que exercía como acusación particular a petición propia, "en vez de apoyar a la victima lo que hicieron fue llegar a acuerdo para apoyar al culpable". "Dicen que mi hermana se podía defender. ¿Cómo se iba a defender una persona con un 65% de invalidez, que solo manejaba el brazo derecho porque el izquierdo no lo podía ni mover", explicou, en alusión aos problemas de mobilidade de Isabel Pérez tras sufrir un ictus uns anos antes.
Ese desgusto creceu ao ver saír ao fiscal da Audiencia. Encarouse co representante do ministerio público, Ignacio Saiz, e durante varios metros seguiulle berrando: "lo que han hecho la Xunta y el fiscal es una vergüenza".
Relacionadas:
-
Condenan a 18 anos de prisión a Miguel Sanmartín de matar e agredir sexualmente a Isabel Pérez
Por Oskar Viéitez |
-
Rebaixan de 35 a 18 anos a pena solicitada para o autor confeso do crime machista de Marín
Por Natalia Puga |
-
Destacan a crueldade do crime de Marín: "Es imposible contar los golpes, hay muchos y violentos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Si realmente es culpable, que le caiga la máxima pena posible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Admite que matou e violou a súa moza en Marín, pero alega que o fixo bébedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |