Os ecoloxistas alertan da fumigación masiva dos eucaliptos cun tóxico para as abellas
Por Oskar Viéitez
O colectivo ecoloxita Adega acaba de informar que o Ministerio de Medio Ambiente autorizou á Xunta para a fumigación masiva de milleiros de hectáreas de plantacións afectadas polo gonipterus.
Adega advirte da toxicidade do veleno empregado, o tau-fluvalinato, "un potente biocida, nocivo para as abellas" que aseguran é "nocivo, irritante, bioacumulativo e altamente tóxico para a vida acuática".
As fumigacións levaranse a cabo na totalidade das provincias de Pontevedra e A Coruña e dos distritos forestais VI (A Mariña) e XI (O Ribeiro).
O permiso excepcional para a aplicación do insecticida ten vixencia dende o 9 de abril ao 6 de agosto e nese tempo, os propietarios ou arrendatarios deberán solicitar o permiso para fumigar cunha antelación de 48 horas.
Segundo Adega o Ministerio xustifica a excepcionalidade desta medida en que concorren "circunstancias especiais" porque o gorgullo supón un "perigo imprevisible" e non pode controlarse por outros "medios razonables".
Dende Adega preguntan como é que a praga do gorgullo, que leva décadas afectando aos monocultivos de eucalipto, pode ser considerada como algo "excepcional" e "imprevisible", cando ademais "existen outros métodos de loita, tanto químicos como biolóxicos que xa amosaron a súa efectividade".
Pola contra este colectivo entende que a decisión ten que ver coa empresa pasteira Ence que "ante a perspectiva de expander o seu negocio dos eucaliptos á biomasa, opta por unha "solución final" con resultados a curto prazo, sexan cais sexan as consecuencias para o medio".