Admite que matou e violou a súa moza en Marín, pero alega que o fixo bébedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
No Nadal do ano 2013 Miguel Sanmartín Argibay golpeou a súa noiva, agrediuna sexualmente introducíndolle na vaxina un bote de spray e unha botella de cava e, posteriormente, a asfixiou causándolle a morte. Os feitos relátaos a Fiscalía para acusalo dos delitos de asasinato e agresión sexual, pero o propio acusado recoñeceunos este luns ante o tribunal que o xulga na Audiencia Provincial de Pontevedra. Respondendo con monosílabos e sen entrar en detalles, confesou todos os feitos, pero, no seu defensa, alegou que o fixo estando baixo os efectos do alcohol.
A acusación particular, que exerce a Xunta de Galicia, e o fiscal piden que sexa condenado a 35 anos de cárcere por un delito de asasinato e outro de agresión sexual, mentres que a avogada defensora do procesado pide que sexa considerado autor dun delito de homicidio por imprudencia, pois el non tiña intención de matar a súa vítima e que, como tal, se lle impoñan dous anos de prisión.
A preguntas do fiscal do caso, e ante un xurado popular que deberá deliberar sobre a súa responsabilidade penal nos feitos, Miguel Sanmartín recoñeceu que tras darlle un número de golpes que non recorda, violala e apertarlle o colo, lle tapou a boca e os oricios nasais, pero que non tiña intención de rematar coa súa vida. Por que o fixo? Segundo as súas propias palabras, "supongo que por el estado en que estaba". Ese 'estado' é a embriaguez, pois explicou na sala que "sé que bebí mucho, pero no sé cuánto".
A Fiscalía e a acusación piden que sexa condenado a 35 anos de prisión, pero a defensa rebáixao a dous
Esa falta de consciencia das reaccións desproporcionadas que ten contrasta cos seus antecedentes, pois o acusado permaneceu tres anos e medio en prisión por maltratar o seu pai. El mesmo recoñeceuno na sala, recordando exactamente o día que quedou en liberdade, o 14 de abril de 2012. Un ano e medio despois, o 25 de decembro de 2013, presuntamente matou a súa noiva.
O acusado non recorda en que momento abandonou a casa tras o crime, pero a acusación particular mantén que, tras matala, fumou un cigarro no salón. A avogada insiste na "gran violencia do ataque", pero carga tintas de forma máis insistente á hora de relatar a "frialdade de ánimo" dunha persoa que comete o brutal asasinato e queda no mesmo salón no que o corpo estaba tendido no chan.
A pesar dos numerosos golpes, os veciños do edificio que declararon este luns na Audiencia aseguraron que non sentiron nada esa noite e só notaron algo estraño ao día seguinte, cando a media mañá viron a porta do piso da falecida aberta. O xuízo deberá permitir fixar en que momento quedou aberta, pois presuntamente o procesado a deixou así ao saír, pero non se concretou a què hora.
A vítima, Isabel Pérez Fraga, xa mantivera unha relación co presunto asasino no pasado e presuntamente retomáraa pouco antes do crime, pero a súa familia descoñecíaa. De feito, o seu irmán, Francisco Manuel, relatou á sala que tan só vira o acusado nunha ocasión na casa da súa irmá en Marín.
Relacionadas:
-
Condenan a 18 anos de prisión a Miguel Sanmartín de matar e agredir sexualmente a Isabel Pérez
Por Oskar Viéitez |
-
Controvertido veredicto de culpabilidade no crime de Marín: "Gracias por ayudar a un asesino"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Rebaixan de 35 a 18 anos a pena solicitada para o autor confeso do crime machista de Marín
Por Natalia Puga |
-
Destacan a crueldade do crime de Marín: "Es imposible contar los golpes, hay muchos y violentos"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Si realmente es culpable, que le caiga la máxima pena posible"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Concentración en Marín en repulsa polo último crime de violencia machista
Por Redacción |
-
Ingresa en prisión o presunto autor do crime da súa parella en Marín, acusado de homicidio
Por Redacción |
-
Deteñen un home relacionado co caso da morte da veciña de Marín
Por Redacción | Creada e actualizada