Expertos analizarán no Liceo Casino o incremento de casos de cancro de colon en Pontevedra
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Nos hospitais de Pontevedra trátanse 910 casos novos de cancro ao ano, unha cifra que se foi incrementando na última década. No 2000 tratábanse 600 casos anuais. Este ascenso tería a súa causa, entre outras alternativas, en que se envían ao servizo oncolóxico casos de pacientes con idades avanzadas que antes se daban por imposibles, segundo apuntou o Xefe do servizo de Oncoloxía da área sanitaria norte de Pontevedra, Manuel Constenla.
Con estes datos faise cada vez máis necesaria a investigación sobre esta enfermidade e, por este motivo, a Asociación contra o Cancro puxo en marcha a primeira xornada sobre innovación, participación, investigación e nexos de unión centrados no paciente oncolóxico que se desenvolverá no Liceo Casino o próximo xoves 14 de maio dende as 10.00 ata as 18.00 horas.
O que se busca nesta xornada, segundo Manuel Constenla, é xerar coñecemento na comunidade médica de como poden aproximarse á investigación oncolóxica e á sociedade. Precisamente o Director da Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, Ángel Carracedo, será o encargado de abrir as sesións cunha lección magsitral sobre a importancia de investigar o cancro. A continuación, será o propio Manuel Constenla quen ofreza unha conferencia sobre a innovación na oncoloxía.
A partir das 12.30 horas desenvolverase unha mesa debate sobre as novas estratexias para a detección precoz, tratamentos e medicina personalizada e a importancia da prevención no cancro de colon, que na actualidade é o que presenta máis casos en Pontevedra, seguido polo de mama e, en terceiro lugar, polo de pulmón. Os tres constitúen o 80% dos casos que se diagnostican nos hospitais desta área hospitalaria.
O director xerente do complexo hospitalario de Pontevedra, José Manuel González, ofrecerá tamén unha intervención sobre as vías rápidas que, segundo o xefe do servizo de oncoloxía, permite nestes momentos que a lista de espera "sea casi cero". Constenla indica que este sistema permite que unha persoa á que se lle detectou un tumor sexa observada dun día para outro.
O xefe de Oncoloxía lamentou que non exista un rexistra poboacional do cancro que permitira analizar comparativamente a presenza de tumores nunhas localidades fronte a outras para realizar estudos. Segundo Manuel Constenla, a causa pola que este rexistro non existe débese á falta de decisión política porque, segundo expón, "no produce una rentabilidad inmediata".