Récord de afluencia na Festa do Codillo
Por Redacción
A grande afluencia de público certificou o éxito dunha nova edición da Festa do Codillo da Lama que converteu á Alameda nun recinto de degustación masiva deste produto típico da gastronomía galega, preparado a xeito de codillo en salsa curri e mazá con guarnicion de navicol e patacas.
A organización vendeu máis de 750 tíckets que daban dereito a unha ración de codillo, prato conmemorativo de barro, pan, viño e cubertos, a un prezo de 10 euros, servidas pola empresa Cátering Arelas, de Gondomar.
O bo tempo e a afluencia masiva de persoas a este evento non só por parte de veciños do municipio da Lama senón de gran número de visitantes de toda a provincia converteu nun éxito de participación a presente edición da Festa.
A organización habilitou dúas carpas, en lugar dunha como viña sendo habitual, e conseguiu que se enchesen practicamente todos os asentos habilitados para o desfrute do evento. Tamén os establecementos situados nas inmediacións estiveron tamén abarrotados de público e os postos de polbo, empanadas e demais produtos galegos de calidade atenderon a demanda dos asistentes.