O Mercado municipal de Moraña será reformado para acoller un Centro Cultural
Por Redacción
A Deputación de Pontevedra e o concello de Moraña asinarán un convenio de colaboración para recuperar o edificio do mercado para convertelo nun centro cultural. O acordo atende á reforma do inmoble que está en desuso e nun estado obsoleto e deteriorado.
Na xunta de goberno da Deputación, o organismo provincial acordou asinar un convenio para levar a cabo esta actuación en colaboración co concello de Moraña. Este convenio establece as liñas de cooperación entre ambas administracións para a execución da obra que se desenvolverá en dúas fases.
Na primeira fase, dada a singularidade da actuación, convocarase un concurso de ideas para que, a nivel de anteproxecto, as Administracións implicadas elixan a proposta que consideren máis axeitada para realizar a obra, tendo en conta os fins e funcionalidade aos que se quere destinar o inmoble.
Unha vez redactado o proxecto, nunha segunda fase, levaríanse a cabo as obras necesarias para a remodelación do actual edificio do mercado municipal.
18.000 EUROS PARA O CONCURSO DE IDEAS
A Deputación destinará 18.000 euros para financiar a convocatoria dese concurso de ideas: 6.000 euros destinaranse a premiar a proposta que sexa seleccionada coa máxima valoración. Tamén se outorgarán outros dous accésits pola mesma cuantía.
Asimesmo, o primeiro premio entrará no procedemento de negociación para a redacción do proxecto e a dirección da obra prevista.
Precisamente para este ámbito, a realización do proxecto e a dirección da obra, que se adxudicarán mediante procedemento negociado, establecerase un importe máximo de 59.000 euros.
Segundo o acordo adoptado na xunta de goberno da Deputación, e que se vai recoller nese convenio de colaboración co concello de Moraña, os custes derivados da convocatoria, a redacción do proxecto e a dirección da obra, serán financiados con fondos do orzamento provincial destinados a Estudos e Traballos Técnicos neste ano 2015.