Da positivo en alcol logo de subir á beirarrúa e derrubar un farol a medianoite
Por Natalia Puga
O condutor que pouco antes da media noite deste mércores perdeu o control do vehículo, subiu ao bordo da beirarrúa e derrubou un farol na rúa Peregrina deu positivo na proba de alcoholemia e foi denunciado pola vía penal por un delito contra a seguridade vial.
Segundo informou a Policía Local de Pontevedra, o condutor era un mozo de 24 anos que relatou que estivera nun establecemento hostaleiro da Praza de Galicia e cando se dirixía cara á rúa Peregrina por Andrés Mellado perdeu o control do vehículo.
Segundo as testemuñas do incidente, o mozo conducía un Peugeot 206 de cor negra e circulaba a unha velocidade inapropiada para a vía. Tras a intersección entre Andrés Mellado e a rúa Peregrina saíuse da vía, subiu ao bordo da beirarrúa e circulou pola beirarrúa. A continuación, incorporouse de novo á vía, pero levouse por diante un farol para acabar subindo de novo á beirarrúa e danando de tal forma o seu vehículo que non puido seguir conducindo.
As testemuñas do incidente alertaron a Policía Local. Tras o accidente, o home quixo abandonar o lugar, pero os axentes municipais impedíronllo e sometérono á proba de alcoholemia. Deu un resultado positivo de 0,72 miligramos de alcol por litro de aire expirado no primeiro test e 0,74 no segundo.
A Policía Local levantou atestado do sucedido e denunciouno por un delito contra a seguridade viaria por conducir bébedo polo que será sometido a xuízo rápido. O seu vehículo quedou esnaquizado.