"¡Grazas polo voso traballo diario!"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
A Garda Civil é, para os españois, a institución máis valorada. O dato reflícteo o último barómetro do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), no que obtén unha puntuación de 6,02 sobre dez en grao de confianza dos cidadáns, e este venres valeulle aos axentes e mandos da Comandancia de Pontevedra a felicitación persoal do delegado do Goberno, Santiago Villanueva.
Villanueva visitou a Comandancia pontevedresa para manter unha reunión de traballo cos mandos, pero quixo aproveitar para "felicitar a la Guardia Civil por su trabajo diario y permanente" e polos citados datos estatísticos, nos que repite unha valoración positiva sobre a confianza que esperta nos cidadáns que xa obtivo en anos anteriores.
"Vengo a reconocer el trabajo de la Guardia Civil todos los días del año y la dedicación a los ciudadanos", indicou ante os medios de comunicación tras pasar revista aos mans á entrada das instalacións, engadindo que como consecuencia dese traballo e do que realiza o Corpo Nacional de Policía Galicia pode manterse como a cuarta comunidade máis segura de España.
Villanueva fixo alusión ás taxas de criminalidade relativas ao primeiro trimestre do ano que publicou esta semana o Ministerio do Interior e nas que a cidade de Pontevedra rexistra un incremento do 3,5% na taxa de delincuencia. O delegado do Goberno recoñeceu unha "disfunción" nas cifras da capital fronte ao conxunto da provincia e que "aumentaron los robos con violencia en un porcentaje elevado", pero matizou que se ben o incremento porcentual foi alto, non tanto en números.