O mecheiro é a clave do xuízo polo asalto a un bodegueiro de Vilanova ao que queimaron os testículos
Por Mónica Patxot & Oskar Viéitez
Este xoves arrancou na Sección Segunda da Audiencia de Pontevedra o xuízo contra Javier Evaristo Pose, presunto autor dun roubo con violencia e lesións con deformidade ao bodegueiro de Vilanova de Arousa, Luciano Núñez, ao que atacou na súa casa.
Os restos do ADN encontrados pola Garda Civil nun mecheiro achado no domicilio da vítima incriminan o acusado, polo que esta proba se constituíu como clave neste xuízo. Por este motivo a avogada que exerce a defensa Javier Evaristo pediu a nulidade desta proba xa que o seu cliente non recoñece os feitos polos que está acusado.
O fiscal pide que sexa condenado a catorce anos de prisión.
Javier Evaristo, de 44 anos, veciño de Vilagarcía de Arousa e cun amplo historial delituoso, declarou ante o tribunal que non coñecía a Luciano, e cando lle preguntaron se era seu o chisqueiro respondeu "si, puede ser".
Pola súa banda o bodegueiro relatou moi afectado que aquela madrugada de decembro de 2012 entraron na súa casa de Tremoedo, o espertaron e lle ataron as mans con bridas e fita americana, golpeándoo ata que perdeu o coñecemento.
Durante a malleira chegaron a acender a luz do cuarto polo que puido ver que os seus agresores levaban luvas, roupa escura e pasamontañas para cubrir os seus rostros.
Luciano Núñez chegou a pedir aos seus agresores que lle quitaran a vida "claro que pedín que me matasen, quería que se rematase todo dunha vez", declarou aos medios de comunicación á saída da Audiencia.
Pero a malleira non rematou aí, posteriormente enchéronlle os testículos cun líquido inflamable e prendéronlle lume, "vin unha explosión moi grande, coma se fose a bomba de Hiroshima", dixo ante o Tribunal. A dor das queimaduras provocou que se esvaecese de novo. Á vítima quedáronlle múltiples secuelas físicas e psíquicas, como un estrés postraumático.
A letrada da defensa non deixou pasar por alto que a vítima na década dos 90 estivo vinculado ao clan de narcotraficantes dos Charlín, chegando a cumprir pena de prisión, o que inicialmente fixo crer aos investigadores que o feito fora un axuste de contas, non obstante, este negouno.
"Non hai axuste de contas, eu non estou metido no narcotráfico", insistiu despois ante os xornalistas.
"Tiven as miñas cousas no seu momento e punto. Fun condenado por hachis, xusta ou inxustamente porque non vou debater iso, porque houbo un chivatazo e non houbo máis probas", sinalou Luciano Núñez engadindo que "o chivato na actualidade di que foi mentira, que foi empurrado pola Policía, o Xuíz e o Fiscal e sucesivamente", asegurou.
A vista continuou co testemuño dos Gardas Civís do Grupo de Violencia contra as Persoas e do Equipo de Policía Xudicial de Cambados que participaron na investigación. Estes detallaron como se encontrou o chisqueiro tirado debaixo da cama e que ninguén na vivenda recoñeceu como seu o acendedor, xa que, "ni siqueira había fumadores entre los moradores de la casa".
Os axentes tamén recoñeceron que, "en un primer momento" se barallou a hipótese dun axuste de contas "por los antecedentes dr la víctima y las circunstancias en las que se produjo el asalto".
A Garda Civil sostén que os asaltantes entraron na casa cunha chave "que consiguieron por medios ilícitos".
A falta de varias testemuñas impediu que este xoves se puidese concluír a vista oral polo que o xuízo foi suspendido ata o próximo xoves 14, á espera de que comparezan todas as persoas citadas a declarar.