A ondada de roubos e danos en rochos deixa 19 novas vítimas na Parda
Por Natalia Puga
A ondada de roubos en rochos que empezou nas últimas semanas na zona de Valdecorvos estendeuse a outras rúas da cidade, todas na zona leste. Nos últimos días recibíronse na Comisaría Provincial ata 19 denuncias de veciños que se viron afectados nas rúas Conde Bugallal, Pintor Laxeiro e Juan Carlos I.
Na maioría dos casos trátase de danos provocados polos ladróns no fecho dos rochos e no interior destes, pois, para acceder, forzan a porta facendo panca e, unha vez dentro, adoitan revolver todo para buscar obxectos de valor e deixalo todo desordenado. Fontes policiais confirmaron que axentes da Policía Científica acudiron xa a todos os rochos afectados para recoller probas que axuden a localizar aos responsables e que presumiblemente se utilizou o mesmo modus operandi.
Fontes da Comisaría Provincial indicaron que o martes 2 de maio recibiron 15 denuncias doutros tantos donos de rochos danados nun mesmo soto da rúa Conde Bugallal. Todas as queixas foron por danos, pero tamén se denunciou o roubo dalgún obxecto de valor.
Este luns 4 de maio na Policía Nacional recibíronse catro novas denuncias relativas aos rochos situados no mesmo soto, pero correspondentes a edificios situados en dúas rúas distintas, Juan Carlos I e Pintor Laxeiro. Dous veciños acudiron pola mañá e denunciaron que a un tíñanlle sustraido unha bicicleta valorada en 400 euros e a outro unha valorada en 1.200 euros e outro material de uso ciclista.
Ao longo da tarde dese mesmo día acudiron outros dous veciños aos que roubaran obxectos de valor. A un, en concreto, leváronlle obxectos valorados en 3.000 euros, 2.000 só nunha bicicleta profesional.
Relacionadas:
-
Rouban nun trasteiro dous días antes de Reis e levan unha bicicleta e varios agasallos
Por Redacción |
-
Os roubos de bicis rompen as estatísticas: denuncian 80 casos no que vai de ano
Por Natalia Puga |
-
Os pontevedreses pedalean cada vez máis
Por Diego Torrado |
-
Veciños de Valdecorvos denuncian roubos e danos nos seus rochos
Por Natalia Puga |