"Rebaixamos a peaxe entre Pontevedra e Vigo porque é ata un 60% máis caro que o resto da AP-9"
Por Alejandro Espiño
O Ministerio de Fomento e Audasa, a concesionaria da Autopista do Atlántico AP-9, subscribiron este mércores un protocolo que recolle unha serie de actuacións nesta vía, incluída a rebaixa da peaxe no tramo Pontevedra-Vigo. Desta forma, introdúcese unha bonificación adicional para o percorrido entre ambas cidades, que supón "de facto" a gratuidade da viaxe de volta para moitos dos seus usuarios.
En concreto, a peaxe da AP-9 en Rande será de balde, no tramo de regreso, para aquelas persoas que circulen entre Pontevedra e Vigo. Para acceder a esta bonificación, deberán facer unha viaxe de ida e volta no mesmo día e sempre en xornadas laborables. O acordo aplicarase a vehículos lixeiros, nunca a camións, e tan só se se utilíza o sistema de telepeaxe.
O acordo supón un paso máis no programa de descontos do que xa gozan os usuarios da telepeaxe, que na actualidade teñen un desconto na viaxe de regreso. A diferenza será, grazas a este convenio, que a gratuidade será íntegra para o regreso, é dicir, para eles a peaxe Pontevedra-Vigo será un 50% máis barato.
Para xustificar este aforro entre Pontevedra e Vigo e non no resto da AP-9, a ministra de Fomento, Ana Pastor, destacou que a peaxe media por quilómetro actual do tramo Vigo-Pontevedra é entre un 20 e un 60% máis caro que o doutros tramos da autopista. Asegurou que cando se firme o correspondente convenio, a peaxe media por quilómetro resultante para os vehículos que poidan ser obxecto da bonificación equipararase ao do resto de tramos da autopista AP-9.
Remodelará o nó de Bombeiros (Pontevedra) e construirase unha entrada cara Vigo en Vilaboa
Esta decisión enmárcase, segundo Fomento, en dar resposta ás necesidades do tráfico da autopista, xa que "nalgún dos seus tramos a capacidade resulta insuficiente e é necesaria a procura de solucións que garantan a calidade de servizo que unha vía de gran capacidade debe facilitar".
Neste sentido, o protocolo de actuación entre Fomento e Audasa inclúe tamén a realización "coa máxima dilixencia" das actuacións necesarias para iniciar as obras de ampliación da AP-9 en Santiago de Compostela e na contorna da Ponte de Rande previstas no anterior convenio.
E como novidade, contémplase un convenio para a redacción de proxectos e execución de obras, no que se recollen os traballos para a ampliación da AP-9 na contorna de A Coruña, as obras de remodelación do enlace de Pontevedra Norte da AP-9, o denominado Nó de Bombeiros, así como as obras para completar o enlace da autopista coa N-550 en Figueirido (Vilaboa), que permitirá o percorrido cara a Vigo.
O investimento total a executar, tendo en conta todas as actuacións que se inclúen no protocolo, ascende a máis de 400 millóns de euros.
Relacionadas:
-
Ana Pastor destaca que Pontevedra será "más competitiva" coa ampliación da ponte de Rande
Por Redacción |
-
As bonificacións na volta entre Pontevedra e Vigo pola AP-9 superaron os 1,4 millóns de viaxes
Por Redacción |
-
A rebaixa da peaxe entre Vigo e Pontevedra aplicarase a finais de xaneiro ou principios de febreiro
Por Redacción |
-
Caballero asegura que é un "buen paso", pero Lores desconfía: "Audasa non da puntada sen fío"
Por Alejandro Espiño |
-
A peaxe Pontevedra-Vigo será de balde no tramo de regreso en días laborables
Por Natalia Puga |