A CIG pide ‘Emprego e salarios dignos contra a pobreza’ na súa marcha do 1 de maio
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
A central nacionalista CIG convoca unha manifestación dentro da celebración deste 1º de maio que sairá ás 11.30 horas da praza da Ferrería para concluír na praza do Teucro. Nesta marcha reclamarase un emprego e salarios dignos contra a pobreza en oposición ás consignas lanzadas polo Partido Popular afirmando que a crise se encontra superada. Tamén dende Vilagarcía se levará a cabo unha marcha que se iniciará ás 12.00 horas na Casa do Mar.
O secretario comarcal da CIG, Marcos Conde e o secretario de organización, Rafael Iglesias, mostraron en rolda de prensa a súa preocupación pola situación que se vive en diferentes sectores como o da pesca ou o lácteo.
Os representantes sindicais denunciaron que algunhas empresas están a deixar de aboar as pagas extra cando os salarios en Galicia xa se encontran por debaixo da media da Unión Europea. E lamentaron que dende o Goberno se siga apostan por flexibilizar as condicións salariais cando xa se fomenta o pagamento en especie.
Ante as críticas efectuadas por Comisiones Obreiras e UGT sobre a decisión da CIG de non se xuntar á súa marcha e realizar un acto conxunto, Marcos Conde e Rafael Iglesias apuntaron que a central nacionalista está interesada en manter as súas propias consignas. Indican, ademais, que para determinadas campañas si que se suman á unidade sindical pero cando se trata de intervencións institucionais en datas como o 1º de maio van continuar realizando as súas actividades de maneira independente.
En relación co mantemento de Ence na actual situación e aos anuncios realizados pola dirección da empresa, Marcos Conde argumentou que "hai un problema con Ence, que está mal situada" e, ao igual que Rafael Iglesias, criticaron que a dende a administración seguen utilizando este tema como arma electoral. O secretario de organización sinalou que hai a Xunta debería preocuparse doutros problemas da economía do país en lugar de poñer tanta atención a Celulosas.