Chus Pazos e Carlos Somoza chegan a Lukla á espera de poder iniciar a súa evacuación
Por Diego Espiño
Despois de dous días de marcha a pé a pontevedresa Chus Pazos e o estradense Carlos Somoza encóntranse xa en Lukla, un pequeno pobo de Nepal dende onde intentarán iniciar a súa evacuación do país.
Somoza e Pazos, integrantes do Club Motañeiros Pontevedra A Roelo, foron testemuñas o pasado sábado do brutal terremoto que asolou o país asiático, no que se encontraban realizando unha ruta de trekking ata o campamento base do Everest.
Unha vez en Lukla os pontevedreses deberán esperar para coller unha avioneta ou helicóptero que lles permita chegar á capital, Katmandu, dende onde intentarán saír do país "a donde puedan, Nueva Delhi o Estambul. Si puede ser Estambul mejor porque desde allí vendrían directos a Vigo", explica Juan Somoza, en contacto permanente cos seus amigos montañeiros.
Non obstante a súa estanza en Lukla pode alongarse ao ter perdido a saída do voo que tiñan contratado, polo que deberán esperar a que se habiliten prazas nalgunha aeronave.
Malia iso Carlos Somoza e Chus Pazos encóntranse tranquilos, en perfecto estado e "no tienen problema de comida o agua", indica Somoza.
No seu camiño os montañeiros pontevedreses puideron comprobar en primeira persoa as fatais consecuencias do sismo, como na última aldea na que fixeron noite e que "estaba muy mal", segundo relatou o propio Carlos aos seus amigos e familiares.
Ademais as réplicas fan que "el susto no se les quite hasta que vuelvan", sinala Somoza, que confirma que a Federación Galega de Montañismo se interesou este martes polo estado de ambos os dous.
Cando cheguen a Katmandu Chus e Carlos intentarán coller algún dos voos de Turkish Airlines, compañía coa que contrataron a súa viaxe, pero non descartan recorrer á axuda que poida ofrecer o Ministerio de Asuntos Exteriores.
Relacionadas:
-
Un ano para lembrar no club de Montañeiros de Pontevedra 'A Roelo'
Por Redacción |
-
A catástrofe de Nepal, monitorizada por radioafeccionados de Pontevedra
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
A pontevedresa Chus Pazos e o estradense Carlos Somoza sobreviven ao terremoto de Nepal en pleno Everest
Por Diego Espiño |