Arremete a paraugazos ás portas dun pub e acaba detido por pegar á Policía Local
Por Natalia Puga
Un veciño da rúa Arzobispo Malvar de 65 anos acabou nos calabozos da Policía Nacional na madrugada do día de Nadal tras arremeter a paraugazos contra os clientes que estaban ás portas dun pub e agredir aos axentes da Policía Local que intentaron poñer orde na revolta.
Testemuñas presenciais relataron a PontevedraViva que o individuo chegou á altura do pub Ruta 19 da rúa Arzobispo Malvar acompañado dunha muller e empezou a pegar e golpear cun paraugas a varios mozos que estaban na porta.
Estas mesmas testemuñas indicaron que este individuo ata empuxou a unha moza ata que se caeu ao chan e que parecía atoparse baixo os efectos do alcol. Ante esta actitude, alguén alertou á Policía Local para que se persoase no lugar.
Segundo indicou a Policía Local, o incidente produciuse sobre as 3.00 horas da noite do 24 ao 25 de decembro. Eles foron requiridos porque se estaba rexistrando unha pelexa entre un grupo de mozos e unha persoa de idade máis avanzada.
Cando os axentes chegaron ao lugar e intentaron disolver a pelexa, o home empezou a forcexear cos policías, adoptou unha actitude progresivamente máis agresiva facendo caso omiso ás ordes dos policías e resistíndose a ser detido.
Fontes policiais indicaron que chegou a zarandear a un axente e a abalanzarse sobre outro, de modo que foi detido por resistencia e atentado a axente da autoridade e trasladado aos calabozos da Comisaría da Policía Nacional.