Propoñen que a fábrica da Cross se inclúa no catálogo de bens culturais de Galicia
Por Redacción
A Academia galega de Belas Artes insta á Xunta de Galicia a que se dean os "pasos necesarios" para a inclusión no catálogo de bens culturais de trece obras arquitectónicas do Movemento Moderno, que vai de 1925 a 1965. Barrios, conventos, colexios, fábricas, igrexas, lonxas, edificios residenciais e de universidades, así como un encoro, compoñen esta selección. E entre elas, hai unha en Pontevedra, a fábrica de La Cross.
Construída por Ingeniería Proquiber no ano 1954, esta fábrica situada na rúa da Gándara -nas inmediacións da Xunqueira de Alba- estaba centrada en fertilizantes e abonos químicos e ademais facía as veces de almacén.
Segundo o estudo feito pola Fundación DOCOMOMO Ibérico (Documentación e Conservación da Arquitectura e o Urbanismo do Movemento Moderno), a fábrica sufriu algunhas alteracións con respecto á orixinal que estiveron xustificadas pola súa posta en marcha.
O conxunto inicial constaba de edificios de produción, naves de almacenamento, edificios administrativos, vivendas de técnicos e dirección, depósito de auga e instalacións deportivas. A peza de maior interese deste complexo, cuxas edificacións se conservan en parte, é o grande espazo de almacenamento, concibido como unha grande estrutura de formigón que organiza espacialmente todo o conxunto.
A nave central, de considerable altura, está constituída por unha cuberta curva de arcos triarticulados e tensados; a ambos os dous lados, unha serie de bóvedas organizan unhas naves laterais de inferior altura, o que permite resolver a iluminación e facilitar o arriostamento do conxunto.
O vicepresidente da Academia, Celestino García Braña, explica que tanto a fábrica de La Cross como o resto de inmobles seleccionados son edificios sobresaíntes de Galicia nese período porque "teñen un valor cultural de primeira magnitude, igual que unha igrexa románica o un pazo do século XIX. Para entendernos, estamos na época do formigón, o vidro e o ferro, así como na da funcionalidade e a industria".
García Braña precisa que non son os únicos edificios modernos de Galicia, cuxa nómina pode chegar a douscentos, "dos que setenta ou oitenta son importantes". A Fundación DOCOMOMO seleccionou 256 obras en toda España, das que as trece sinaladas corresponden a Galicia, de aí que a Academia de Belas Artes demande agora a súa catalogación, toda vez que este organismo "está decidida a xogar un papel relevante na arte e modernidade de Galicia".