Identifican dúas veciñas do Vao por roubar roupa e calzado de tres tendas de Benito Corbal
Por Natalia Puga
Un dispositivo de vixilancia conxunto das policías Local e Nacional na zona comercial de Pontevedra permitiu identificar a dúas veciñas do Vao como presuntas autoras de tres delitos de furto noutras tantas tendas da rúa Benito Corbal.
As dúas mulleres, de 28 e 32 anos, foron delatadas por unha testemuña que alertou á Policía porque as viu entrar e saír de varias tendas con actitude sospeitosa. Patrullas das policías Local e Nacional seguíronlles a pista e acabaron dándolles o alto e identificándoas.
Segundo fontes policiais, cando os axentes as interceptaron e sometéronas a un cacheo superficial atopáronlles varias bolsas con roupa e calzado procedentes de tres tendas diferentes da rúa Benito Corbal. Non puideron aportar xustificantes de compra de ningunha das pezas e os responsables dos establecementos confirmaron que foran subtraídos.
As policías Local e Nacional realizan desde o inicio da época navideña unha colaboración en materia de prevención de feitos delituosos na zona comercial da cidade, en especial, nas rúas con maior actividade comercial e aglomeracións de compradores.
Antes de Nadal os responsables de ambos corpos policiais mantiveron unha reunión de coordinación para deseñar as vixilancias conxuntas e a súa colaboración.