Un coche atropela á triatleta Aida Valiño na estrada de Vigo
Por Redacción
A campioa de España de tríatlon, Aida Valiño Gómez, volveu ser vítima dun atropelo. Sucedeu ás 10.45 horas da mañá na estrada de Vigo a N-550, á altura da parroquia pontevedresa de Salcedo (punto quilométrico 126,400) cando a triatleta adestraba en solitario coa súa bicicleta.
Segundo fontes da Federación Galega de Tríatlon, o accidente produciuse durante a manobra dun coche que xirou á dereita para saír da vía e que acabou atropelándoa.
Unha ambulancia medicalizada do 061 trasladou o Hospital Domínguez de Pontevedra á triatleta. Ademais dos servizos sanitarios do 061, ata o lugar do accidente desprazáronse patrullas da Garda Civil de Tráfico.
Fontes oficiais do Hospital Miguel Domínguez informaron que Aida Valiño sofre policontusións, un traumatismo na cabeza e unha rotura da clavícula con desprazamento, xusto a contraría á que se lesionou hai un ano, concretamente o 21 de xuño, cando Aída formaba parte dun grupo de oito ciclistas que foron atropelados por unha furgoneta en Oia (Pontevedra).
A moza será trasladada a Lugo, localidade na que reside a súa familia, a petición propia para ser operada.
A lucense, que adestra no grupo de tríatlon do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, reapareceu este mesmo mes de abril cunha impresionante vitoria no tríatlon de media distancia de Elche.