Propoñen que o Concello redacte unha ordenanza de protección animal
Por Oskar Viéitez
A Asociación Animalista Libera propuxo este luns a elaboración dunha ordenanza de protección animal e convivencia veciñal ao goberno saínte das eleccións municipais do próximo 24 de maio, xa que en Pontevedra non existe unha normativa destas características, e os defensores dos animais consideran necesario un texto ao respecto nunha cidade de tal tamaño.
Os animalistas piden que o futuro texto inclúa a prohibición do uso de animais en circos no termo municipal e que Pontevedra se comprometa a non subvencionar nin apoiar eventos taurinos. Reclaman que este compromiso se vexa reforzado pola prohibición para colocar publicidade taurina na vía pública, unha situación que cualifican como "excepcional" e que entenden que agora está "legalizada" grazas a un convenio entre a casa do concello e os propietarios da praza de touros.
Neste sentido afirman que a ordenanza tamén tería unha finalidade "pedagóxica", pois, ao seu xuízo, "debe salientar o compromiso municipal co desenvolvemento de campañas de sensibilización contra eivas como o abandono e o maltrato, e de fomento do incrible labor que realiza a protectora pontevedresa".
Dende Libera critican o "insuficiente" apoio que presta o concello a esta protectora "que se debe potenciar para crear un modelo de adopción sostible". Os animalistas sinalan que ante as decenas de animais abandonados no municipio, "moitos destes casos quedan impunes e a carencia dunha normativa adaptada a Pontevedra tamén dificulta as actuacións do Concello".
Os animalistas esperan que as diferentes candidaturas asuman o compromiso de redacción para converter a Pontevedra nun municipio "implicado contra a crueldade cara aos animais, incluíndo o estudo para posibles reconversións do coso taurino, en mans privadas".
Relacionadas:
-
Pontevedra vai declararse cidade libre de circos con animais
Por Redacción |
-
Propoñen desenvolver unha campaña contra o abandono en Pontevedra
Por Redacción |
-
A campaña 'Yes we can' volve a Pontevedra: "os animais non son xoguetes"
Por Elsa Juliá Sánchez & Cristina Saiz |
-
Situación de alarma na asociación Difusión Felina: máis de 20 abandonos en once días
Por Elsa Juliá Sánchez |
-
Nesta canceira vívese mellor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |